O albergue municipal da Rúa celebra dous anos como referencia de acollida no Camiño de Inverno

somoscomarca_arua_albergueperegrinos_merelles100

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, anunciou investimentos en novos tramos e melloras na ruta durante o acto conmemorativo

O albergue municipal de peregrinos da Rúa celebrou esta tarde o seu segundo aniversario, convertido xa nun dos puntos de acollida de referencia para os camiñantes que percorren o Camiño de Inverno cara a Santiago. O acto reuniu a autoridades, hospitaleros e peregrinos nun encontro que puxo en valor a hospitalidade que caracteriza esta ruta xacobea.

Na celebración interviñeron a tenente de alcalde da Rúa, Ana Fernández Vizcaya, os hospitaleros João Batista e María, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o peregrino alemán Daniel Baumgartner, quen foi recibido simbolicamente como o primeiro camiñante deste segundo aniversario.

Tamén asistiu a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno, Asunción Arias, o párroco de San Estevo, Severino Pérez, e numerosos hospitaleiros vidos de outros lugares como Ponferrada ou o País Vasco, ademais do adegueiro Joaquín Sánchez de Alan de Val e o presidente do PP local, Avelino García e o do PSOE, Luís Fernández Gudiña, un dos impulsores do proxecto.

O hospitalero brasileiro João Batista, que xa estivo presente no primeiro aniversario do albergue e que repite este ano, quixo comezar cun agradecemento a todas as persoas e entidades que colaboraron para facer realidade este proxecto. «Queremos agradecer a todos os que axudaron a construír este albergue desde o inicio, porque vemos aos peregrinos felices cando atopan un lugar ben xestionado», afirmou. Batista tamén tivo palabras de recoñecemento para o Concello da Rúa, para Turismo de Galicia e para varias adegas da comarca que colaboran co albergue achegando viños para os peregrinos.

A hospitalera María, en representación da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), destacou o bo funcionamento das instalacións e a colaboración co Concello. «Estamos moi contentos; é un albergue marabilloso e tanto o Concello como Turismo están axudando nas melloras que precisamos», explicou, agradecendo a confianza depositada na asociación para xestionar o albergue.

Joao saludando a Xose Merelles ante la atenta mirada de Asunción Arias

Pola súa banda, a tenente de alcalde Ana Fernández Vizcaya lembrou que o Concello apostou desde o primeiro momento por ofrecer un espazo digno de acollida aos peregrinos do Camiño de Inverno. A edil destacou tamén o apoio recibido por parte de Turismo de Galicia, que permitiu realizar melloras nas instalacións como a calefacción, o mobiliario ou as literas, facendo do albergue un lugar máis confortable para os camiñantes.

Investimentos e melloras no Camiño de Inverno

Unha das intervencións máis amplas foi a do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen destacou a importancia da colaboración entre administracións e entidades para fortalecer esta ruta xacobea. «Este albergue é un exemplo de colaboración institucional e tamén coa sociedade civil para que o Camiño de Inverno siga medrando», afirmou.

 

Merelles lembrou que o Camiño de Inverno cumpre dez anos como ruta oficial do Camiño de Santiago, e destacou o seu crecemento progresivo. Segundo explicou, no último ano foron 2.800 peregrinos os que obtiveron a compostela tras percorrer esta ruta, aínda que as estimacións apuntan a que a cifra real de camiñantes é superior.

O responsable autonómico tamén destacou que o Camiño de Santiago segue a ser un fenómeno global, con máis de 530.000 compostelas entregadas o pasado ano, cifra que, segundo as estimacións de Turismo de Galicia, supera os 700.000 peregrinos reais.

Durante a súa intervención anunciou ademais novos investimentos en Valdeorras para mellorar a seguridade e o trazado do Camiño de Inverno, cun plan que busca reducir os tramos nos que os peregrinos deben camiñar por estradas con tráfico. Entre as actuacións previstas destacou a creación de novos percorridos alternativos no concello da Rúa, cun investimento superior aos 300.000 euros, para evitar zonas perigosas como o tramo entre a igrexa de Fátima e a zona do aserradoiro da Cigurria.

Tamén se prevé habilitar sendas paralelas ás estradas e mellorar outros tramos en concellos próximos como Vilamartín, Carballeda ou O Barco, dentro dun plan global que en Valdeorras supera os 1,2 millóns de euros de investimento.

«O noso obxectivo é facer un camiño cada vez máis seguro, máis acolledor e con máis servizos para os peregrinos», explicou Merelles, quen tamén anunciou novas iniciativas de promoción do Camiño de Inverno, entre elas a gravación dun documental que se emitirá en televisión.

A xornada tivo tamén un protagonista especial: o peregrino alemán Daniel Baumgartner, recibido simbolicamente como o primeiro camiñante deste segundo aniversario do albergue.

Daniel no centro da imaxe xunto a Merelles, Arias e Batista

O acto rematou cun ambiente festivo e coa mensaxe compartida por todos os participantes: seguir facendo do albergue da Rúa un lugar de referencia para a acollida, a hospitalidade e o encontro entre peregrinos que percorren o Camiño de Inverno.

 

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado