
Con motivo do 50 aniversario da Asociación Española Contra o Cancro, investigando a enfermidade, a Asociación Española Contra o Cancro en Valdeorras presenta na Casa da Cultura de A Rúa unha exposición fotográfica que recolle exemplos significativos dos avances científicos que nos últimos anos contribuíron a mellorar a vida das persoas.
A exposición “50 anos cambiando a historia do cancro” amosa os fitos máis importantes do avance científico en oncoloxía a nivel nacional e autonómico.
O presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, deu comezo a inauguración oficial da exposición hoxe ás 12.30h na Casa da Cultura de A Rúa, acompañado de Jacqueline Rodríguez, psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro en Valdeorras, e D. Álvaro José Fernández, alcalde de A Rúa, acompañado de Dna. Joana Gómez, concejala de sanidade e servizos sociais e Dna. Teresa Varela, teniente alcalde.
A exposición poderá visitarse desde hoxe ata finais de setembro, e xa ten recorrido varios municipios da provincia para achegar a importancia da investigación oncolóxica ao maior número posible de persoas posible.
A supervivencia, reto da investigación
En 1971, nun momento no que a sociedade non estaba tan concienciada da importancia que tiña a ciencia no coñecemento das enfermidades, a Asociación creou a Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con cancro e de aumentar a supervivencia desta enfermidade.
Nesta metade de século avanzouse en programas de detección precoz, o que facilitou realizar diagnósticos temperáns, conseguíronse mellores tratamentos, máis eficaces e cada vez menos invasivos, o que supuxo mellorar a supervivencia en cancro, que foi aumentando progresivamente.
En 1953, a supervivencia a 5 anos de media para os distintos tipos de cancro era do 25%. Actualmente, a supervivencia a 5 anos aumentou ata o 55,3% en homes e o 61,7% en mulleres, grazas aos avances conseguidos por miles de investigadores e investigadoras. Cancro de mama, por exemplo, é un dos tumores máis investigados e que hoxe conta con métodos de detección precoz, o que fixo que a supervivencia a 5 anos nesta enfermidade estea preto do 90%.
Con todo, aínda quedan moitos fitos que alcanzar, como reducir a inequidade que existe entre as persoas con cancro respecto á investigación, pois hoxe en día hai tumores con supervivencia baixa ou estancada dos que en 2020 foron diagnosticadas máis de 100.000 persoas. Nese sentido, é necesario que todos os tumores sexan investigados, pois hai evidencia de que, en xeral, aqueles tipos de cancro con mellores datos de supervivencia tamén contan cunha maior investigación.
Tamén hai inequidade no acceso aos resultados de investigación e, desde a Asociación, pídese que, calquera paciente, estea onde estea, teña acceso ao mellor tratamento indicado para o seu tipo de cancro. Para iso, os profesionais deben poder acceder aos últimos coñecementos e avances en investigación, participación en proxectos de investigación e ensaios clínicos.
Nestes 50 anos, a Asociación Española Contra o Cancro investiu esforzos para dar resposta aos grandes retos do cancro, impulsando no seu momento, o talento de mozos que hoxe son líderes internacionais.
Hoxe en día a entidade conta con 1.000 investigadores en 401 proxectos, por un total de 79 millóns de euros. Escribiuse unha historia grazas a millóns de persoas que coas súas achegas fortaleceron a investigación en cancro.
Xunto á sociedade, a Asociación Española Contra o Cancro seguirá investigando, para seguir salvando vidas e seguir cambiando a historia do cancro.