A Rúa lanza a súa programación de teatro
O vindeiro sábado día 16 de febreiro é a data escollida polo Concello da Rúa para abrir o programa teatral desta tempada, que traerá aos escenarios do Centro Cultural Avenida, cuatro obras no primeiro semestre do ano. «Completamos a nosa oferta cultural, como vimos facendo nos últimos anos, coa programación teatral, tras presentar en xaneiro, a programación de cine» explicou o alcalde da vila, Luis Fernández Gudiña.
O rexidor rués anunciou que «este sábado se representará unha obra para público familiar e cativos dende os 4 anos, e animamos a que a xente apoie o teatro asistindo, como se está a facer co cine». A representación leva por título Pum, pum!, da compañía Baobab Teatro, e narra a historia de Marieta, unha nena de 5 anos rodeada de portas que se abren e contan relatos que teñen música que soan cando Marieta quere. Pero Marieta ten unha porta que garda un segredo que nunca contou.
A cita co teatro na Rúa será a partires das 18:00 horas, cando o público que asista poderá disfrutar dun espectáculo de monicreques que fala de historias cotiás que lles pasan aos nenos de curta idade, e que envía unha mensaxe: dende moi pequenos deben saber que ninguén lles pode obrigar a facer aquelas cousas que non queren facer.
En canto ás seguintes obras, o 9 de marzo visitará A Rúa a compañía Redrum Producciones coa obra Invisibles, o 20 de abril Culturactiva traerá Papar sen cancelas, e o 18 de maio a compañía Os Naufragos representará a obra Castrapos.