
A alcaldesa da Rúa, María González Albert, compartiu nunha recente intervención as principais iniciativas que marcarán a axenda municipal para o ano 2025, destacando proxectos de infraestruturas, melloras urbanísticas e programación cultural.
Renovación dos parques infantís
Unha das prioridades anunciadas é a renovación dos parques infantís do municipio, comezando pola terceira fase da Rúa Pireira e unha intervención urxente no parque infantil de Fontei. Albert destacou a intención de acometer, a continuación, a reforma do parque do Aguillón e de abordar a mellora doutros espazos de xogo. «Queremos renovar o tobogán do parque na zona da capilla e estamos analizando conxuntamente coa Asociación de Veciños de Vilela posibles ubicacións para instalar un novo parque infantil», afirmou.
Estabilidade económica como base para o progreso
A alcaldesa subliñou a importancia de aprobar o orzamento municipal, despois dun período de inestabilidade económica no que o Concello non contou cun orzamento desde 2022. «O primeiro que temos que facer é ter unha conta xeral e un orzamento sobre o que poidamos traballar. Sen esta base, o traballo diario faise moi complicado», indicou.
Parque de vivendas municipais
Outro dos proxectos destacados é a desafectación de catro novas vivendas para o Parque de Vivendas Municipal, un proceso iniciado no último pleno. Ademais, avánzase no estudo urbanístico para conectar estas vivendas coa trama urbana, coa posibilidade de habilitar unha estrada desde Vilela para mellorar a accesibilidade. «Queremos garantir unha mellor calidade de vida para as persoas que residan nestas vivendas», asegurou Albert.
Centro de Saúde e melloras culturais
A alcaldesa tamén expresou o seu optimismo sobre os avances no Centro de Saúde, unha infraestrutura clave que, segundo explicou, está prevista que cumpra prazos no 2025. «Esta é unha das cuestións fundamentais para o vindeiro ano, aínda que o papel do Concello é máis ben pasivo nesta cuestión», recoñeceu.
En canto á programación cultural, Albert destacou o compromiso coa inclusión do rural na oferta cultural e o fortalecemento das infraestruturas necesarias para eventos como as festas da Rúa, celebradas no Aguillón. «O ano pasado desprazamos as festas a esa localización e saíron ben, pero sabemos que hai cousas que mellorar», engadiu.
Tamén confirmou a continuidade de eventos emblemáticos como a Gala Corona González e a Festa do Codillo, sinalando a intención de dar un salto de calidade na programación. «Comezamos o ano con moitas ganas e coa intención de cumprir cos compromisos adquiridos», declarou.