miércoles. 03.09.2025

Xuventude lembra que a mocidade pode solicitar ata o 25 de setembro as axudas para o carné de conducir

Como principal novidade da convocatoria deste ano destaca a incorporación dunha liña de apoio para obter o permiso A2 de motocicletas, cunha subvención de 150 euros, que se suma aos 400 euros establecidos para o carné B de coche
Xuventude lembra que a mocidade pode solicitar ata o 25 de setembro as axudas para o carné de conducir

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, lembrou este mércores en Vigo que os mozos e mozas galegos teñen de prazo ata o 25 de setembro para solicitar as axudas da Xunta destinadas a sufragar os custos do carné de conducir. Fíxoo durante unha visita ao circuíto de prácticas de Piñeiral do Rei, na parroquia viguesa de Beade, onde compartiu a xornada con alumnado de autoescolas.

Meneses destacou como principal novidade da convocatoria deste ano a incorporación dunha liña de apoio para obter o permiso A2 de motocicletas, cunha subvención de 150 euros, que se suma aos 400 euros establecidos para o carné B de coche.

Segundo explicou, o obxectivo desta medida da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é «contribuír á mellora das posibilidades da mocidade, na medida en que se lles facilita un instrumento que amplía as súas competencias e o seu currículo como elemento de profesionalización, ademais de incidir positivamente na súa autonomía persoal».

Requisitos

Poderán acollerse ás axudas as persoas de entre 18 e 30 anos empadroadas en Galicia, que non estean traballando por conta propia nin allea. As subvencións teñen carácter retroactivo, polo que tamén poden presentar solicitude aqueles que teñan aprobado o permiso a partir do 1 de outubro de 2024.

Ademais, os ingresos anuais da unidade familiar deben ser iguais ou inferiores a cinco veces o IPREM de 2025. A convocatoria permite acumular ambas axudas, de xeito que un mesmo solicitante poderá beneficiarse tanto para o carné B como para o A2.

Xuventude lembra que a mocidade pode solicitar ata o 25 de setembro as axudas para o...