A Xunta anuncia cambios na xestión da Rede Natura
A Xunta de Galicia reafirmou este martes en Ourense o seu compromiso coa reparación dos danos provocados polos incendios forestais deste verán e co impulso de reformas destinadas a mellorar a prevención. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse con representantes de máis de 30 municipios da provincia con espazos incluídos na Rede Natura para analizar o proceso de solicitude de compensacións. No encontro participaron tamén o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz.
A conselleira lembrou que están abertas liñas de axuda para restaurar infraestruturas de uso público en espazos protexidos, como sendas sinalizadas, áreas recreativas ou instalacións de interpretación do medio natural. Os montes veciñais en man común poden optar a subvencións de ata 20.000 euros, mentres que os concellos teñen dispoñible un máximo de 40.000 euros para dúas actuacións. Estas achegas compleméntanse coas previstas para os Tecores, que inclúen compensacións polos gastos de sementeira e a reparación de instalacións danadas, como refuxios ou comedeiros.
Vázquez subliñou que estas medidas forman parte dun paquete aprobado polo Goberno galego para impulsar a reconstrución das zonas afectadas polos lumes e destacou que non teñen límite orzamentario.
Ademais, a Xunta trasladou aos concellos a súa intención de simplificar os procedementos de autorización en Rede Natura. As novidades inclúen a posibilidade de realizar lumes técnicos entre marzo e maio, ampliar do 20% ao 30% a superficie de matogueira que se pode rozar e elevar do 5% ao 10% o límite de terreo no que se permiten queimas. Tamén se prevé que parcelas sen aproveitamento poidan ser cultivadas de novo sen autorización, que as talas para recuperar uso agrícola non requiran avaliación ambiental e que as terras agrícolas abandonadas non pasen automaticamente a uso forestal tras 40 anos.
A xuntanza serviu tamén para recoller as inquedanzas dos alcaldes sobre a situación derivada dos incendios que afectaron a distintas zonas da provincia.