viernes. 19.04.2024
somoscomarca_tractor_monte_2023-03-08
A Xunta inviste 85.000€ en actuacións preventivas en montes do Distrito Valdeorras-Trives

A Consellería do Medio Rural está realizando diversas actuacións preventivas en montes e infraestruturas do distrito forestal XIII Valdeorras-Trives, por un importe de case 85.000 euros.

Neste caso, os traballos consisten no arranxo de camiños forestais mediante escavación de cunetas, refino e planeo da traza e construción de seis pasos de auga. Ademais, mellorarase a pista de acceso á caseta de vixilancia de Monzón, no concello de Petín. Todos estes traballos están situados en zonas declaradas de alto risco de incendios forestais.

Outra das accións que se están a levar a cabo consiste na limpeza  e mantemento de faixas auxiliares e roza da plataforma das pistas forestais ubicadas en varios montes dos concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Manzaneda, Pobra de Trives e Chandrexa de Queixa.

Con esta actuación búscase evitar a propagación de incendios forestais e facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción de incendios. Ao igual que as obras anteriores, estas tamén están situadas en zonas declaradas de alto risco de incendios forestais e abarcan unha superficie total de 65,30 hectáreas.

Neste senso, cabe salientar que a creación e mellora das infraestruturas preventivas -como devasa, pistas forestais puntos de auga, etc- xunto coa xestión de biomasa en zonas estratéxicas son elementos clave para reforzar a prevención nos montes galegos e mellorar a súa viabilidade, á vez que nos anticipamos aos incendios e creamos descontinuidades que permiten frear o avance dos lumes.

Así, estas actuacións preventivas están enmarcadas dentro do Plan preventivo vixente, que contempla un investimento de 33,1 millóns de euros para poder actuar en máis de 58.600 hectáreas de todo o territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación. Ademais, inclúe a construción de 111 novos puntos de auga e o acondicionamento dos 4.750 existentes.  

A Xunta inviste 85.000€ en actuacións preventivas en montes do Distrito Valdeorras-Trives