Este martes 30 de xaneiro, os centros educativos de Valdeorras uníronse á celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, unha xornada dedicada á convivencia, a tolerancia e a solidariedade.
No colexio Condesa de Fenosa, no Barco de Valdeorras, o profesorado organizou unha mostra das tradicións dos diferentes países e comunidades autónomas de orixe do seu alumnado. Durante a xornada, os estudantes tiveron a oportunidade de visitar distintos stands con produtos e costumes de diversas, promovendo así o respecto e a diversidade.
Pola súa banda, no colexio Pablo VI da Rúa, a xornada comezaba cunha breve oración e a lectura dun manifesto. Tras estes actos os alumnos e profesores participaron no tradicional "bocata solidario", unha iniciativa en apoio aos proxectos de Manos Unidas Astorga.
No caso do CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira, os alumnos tiñan preparados uns bailes conmemorativos por este día especial, asegurando que «a Paz debe estar presente todos os días do ano».
O Día Escolar da Non Violencia e a Paz celebrouse por primeira vez en 1964 por iniciativa do educador e poeta Llorenç Vidal, co obxectivo de fomentar unha educación baseada na paz e no respecto polos dereitos humanos. Esta data elixiuse en lembranza de Mahatma Gandhi, defensor da resistencia pacífica, asasinado un 30 de xaneiro de 1948.
Como ben dixo Nelson Mandela: "A educación é a arma máis poderosa que podes usar para cambiar o mundo". Con iniciativas como estas, os centros educativos de Valdeorras contribún a formar cidadáns máis solidarios e comprometidos co benestar global.