
Hoxe, no Foro de Alcaldesas do partido celebrado en Boimorto con motivo do Día Internacional da Muller, reuníronse diversas rexedoras para compartir experiencias e reafirmar o compromiso coa igualdade no ámbito político. A alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, foi a anfitrioa deste evento, no que tamén participaron Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco, e Melisa Macía, rexedora de Vilariño de Conso.
Patricia Lamela destacou a importancia deste encontro, sinalando que este terceiro foro de alcaldesas permite unha xuntanza anual para compartir preocupacións e desafíos específicos que afrontan as mulleres no exercicio da alcaldía. Subliñou que, aínda que non se trata dun encontro exclusivamente centrado no xénero, a realidade é que as alcaldesas atopan atrancos distintos aos dos seus homólogos homes. Entre os exemplos mencionou situacións como chegar a unha obra e que se cuestione a súa autoridade polo feito de ser muller.

A alcaldesa de Larouco tamén quixo poñer en valor o feito de ser a primeira muller á fronte do seu concello e resaltou que as mulleres achegan unha sensibilidade diferente na xestión política, o que lles permite afrontar os retos cunha perspectiva máis integradora e cercana á cidadanía.
Pola súa parte, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destacou que o partido traballará nos próximos anos para aumentar o número de alcaldesas nas eleccións municipais de 2027, reforzando o papel das mulleres na política local. Prado subliñou que as 29 alcaldesas do partido representan un feminismo real e traballan para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas.
Fabiola García, responsable de Igualdade no Goberno galego, puxo en valor o papel das alcaldesas populares como referentes que loitan polos dereitos das súas comunidades. Ademais, salientou a importancia do poder feminino na política local como ferramenta de transformación social e garantía dunha sociedade máis equitativa.
O Foro de Alcaldesas reafirmou, unha vez máis, o compromiso das mulleres na política e a necesidade de seguir avanzando na igualdade de oportunidades, garantindo que o liderado feminino continúe medrando nos concellos galegos.