sábado. 20.04.2024
somoscomarca_penintenciarios_sergAS_2022-09-23
O Ministerio do Interior premia á Xunta pola colaboración no eido sanitario cos centros penais

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recibiu hoxe de mans do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, a Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario coa que a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias distingue o traballo e a colaboración conxunta ao longo dos anos entre os centros penais de Galicia e os hospitais de referencia do Sergas.

Co galardón se premia tamén a colaboración entre a Xunta de Galicia e a Subdirección Xeral de Sanidade Penal da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, a través dun convenio que permite o acceso telemático ás historias clínicas do Sergas por parte do persoal sanitario dos centros penais, facilitando a o desenvolvemento da telemedicina coa atención especializada e a formación dos profesionais sanitarios.

Neste momento estase a traballar na conexión do primeiro centro penitenciario – o de Pereiro de Aguiar, en Ourense-, e está previsto rematar a conexión do resto de centros antes do remate deste ano 2022.

Con esta medida mellorarase a asistencia sanitaria mediante o seguimento continuado e compartido da poboación reclusa da comunidade autónoma. Posibilitarase a xestión e diagnóstico compartido, a tele consulta e tele monitorización, a petición automática de probas ou a videoconsulta entre profesionais sanitarios. Tamén, a Consellería de Sanidade habilitou aos funcionarios de Institucións Penitenciarias que traballan en Galicia ao acceso aos cursos de formación dispoñibles para os profesionais do Sergas.

Medalla ao Mérito Social Penitenciario

A entrega da condecoración tivo lugar nun acto celebrado no centro penitenciario de Córdoba, elixido este ano por Institucións Penitenciarias para a entrega destes galardóns que conceden con motivo da celebración da súa festa patronal, a Virxe da Merced,  o 24 de setembro .

A Medalla ao Mérito Social Penitenciario é unha condecoración civil española destinada a recompensar a institucións, corporacións, fundacións, asociacións e empresas (tanto públicas ou privadas) e, no seu caso, tamén persoas, que se distinguiron por realizar actividades relevantes en colaboración coa administración penal española.

Atópase regulada polo Real Decreto 190/1996, do 9 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento Penal.

A Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario entrégase pola realización servizos considerados importantes no ámbito penal, así como pola súa importante contribución á mellora da actividade penal en calquera das súas manifestacións. Outórgase mediante resolución da Secretaría de Estado de Seguridade.

O Ministerio do Interior premia á Xunta pola colaboración no eido sanitario cos centros...