domingo. 08.06.2025

Luis Menor, novo presidente do PP de Ourense co apoio do 93,74 % dos compromisarios

O congreso contou coa presenza dos presidentes do PP galego e nacional, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. A Rueda agradeceulle «a aposta persoal pola miña candidatura», mentres asegurou a Feijóo que «Ourense non vai fallar»
somoscomarca_240713_luismenor_congresoppou (3)
somoscomarca_240713_luismenor_congresoppou (3)

Luis Menor Pérez (O Pereiro de Aguiar, 1964) foi proclamado novo presidente do Partido Popular de Ourense co apoio do 93,74 % dos 575 compromisarios que se deron cita no Pazo dos Deportes Paco Paz da capital.

Os presidentes galego e nacional, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, estiveron presentes no décimo noveno congreso extraordinario provincial no que o xa presidente estableceu unha folla de ruta política na que deixou claro que «non aceptamos vetos de ningunha forza política», emprazando aos novos representantes do PP a «non fallar a Ourense», ademais de pedir «traballo e rigor na cidade fronte ao populismo».

somoscomarca_240713_luismenor_congresoppou (2)
Feijóo, Rueda e Menor ao finalizar o congreso

Menor afirmou que pon «a cero» toda a súa bagaxe profesional e política, destacando que, ao igual que en Galicia, «en Ourense fixemos tamén unha transición modélica». A partir deste momento pediu ao novo equipo manter a unidade como bandeira e dixo ter como obxectivo conseguir a máis ampla base, comprometéndose a manter sempre abertas as portas a todos os que queiran participar: «Aquí cabe todo o mundo para colaborar e achegar, estiveran antes ou sexan novas incorporacións».

Deixou claro que as urnas concedéronlle ao PP a bandeira da representatividade na provincia: «E imos defendela, demostrando que non aceptamos vetos de ningunha forza política», emprazando aos novos representantes do PP a «non fallar a Ourense», ademais de pedir «traballo e rigor na cidade fronte ao populismo».

Nesa defensa dos ourensáns, o presidente emprazou aos representantes do Partido Popular provincial, que hoxe tamén asumiron unha responsabilidade, a que «escoiten e dialoguen, única fórmula do bo traballo, como demostramos cando, doutro lado da mesa, tamén atopamos escoita, diálogo e consenso».

somoscomarca_240713_luismenor_congresoppou (1)
Menor nun momento do seu descurso

Trasladar a toda a organización a estabilidade que o congreso outorga ao partido

Como «declarado municipalista», tamén desde a súa condición de alcalde, advertiu que o mundo local é a base de todos os éxitos, de calquera formación que aspire a gobernar e conseguir a confianza da xente: «Nós temos esa confianza, pero non en propiedade; temos que ser a solución e nunca o problema».

Entre os primeiros retos que estableceu citou «trasladar a toda a organización na provincia a estabilidade que este congreso outorga ao partido», poñendo xa o foco nas eleccións municipais de maio de 2027 para estar perfectamente preparados, especialmente «alí onde non gobernamos; e cando hai candidato e programa, a xente escolle o PP».

«Afán colaborador» coas administración

Como partido que máis se parece a Ourense, indicou, «saberemos das súas necesidades e poderemos ofrecer solucións», lembrando neste punto a resposta que o PP foi quen de dar na cidade "fronte aos populismos baleiros de contido durante as eleccións autonómicas", en referencia aos doce compromisos asinados por Alfonso Rueda e Luis Menor.

Nesta liña abondou no afán de colaboración institucional do PP de Ourense, "que exerce con convicción alí onde goberna", poñendo tamén como exemplo a capacidade de acordo entre a Deputación e Xunta para definir unha vintena de apostas concretas en proxectos estratéxicos para a provincia.

Agradecido polo apoio dos compromisarios, á familia e os líderes galego e nacional

Luis Menor tamén reservou no seu discurso un amplo capítulo para os gradecementos, que iniciou dando as grazas aos 539 compromisarios que apoiaron a súa candidatura.

Ademais de ter emotivas palabras para a súa familia, tamén agradeceu á militancia a súa presenza «pola imaxe de mobilización que transmitides e que dá unha boa medida da nosa enorme forza política».

O presidente do PPdeOU puxo en valor a amizade persoal con Alfonso Rueda, «que apostou pola miña candidatura», dirixíndose tamén a Alberto Núñez Feijóo para lembrar que lle prometera que Ourense non ía fallar nas autonómicas, «e non fallou».

Catorce propostas de programa

Para esta nova etapa do PP, Luis Menor advertiu que «precisamos ter claro o noso rumbo, como se organiza o traballo político e como se funciona», os piares dun programa de traballo estruturado en propostas de organización e funcionamento.

Con respecto á organización, o candidato citou a creación dunha asesoría xurídica, a recuperación do Comité de Portavoces, a posta en marcha dun órgano de Igualdade; un Consello de Veteranos: dar máis espazo á mocidade; prestar especial atención á emigración desde un órgano específico; consolidar as xuntas locais da provincia e da cidade, coa vista posta nas municipais de 2027; manter a estrutura comarcal; e un órgano de atención á militancia e de afiliación.

No que se refire ao funcionamento do partido, propuxo unha interparlamentaria provincial para sumar esforzos entre os nosos cargos electos; potenciar a coordinación entre administracións e os representantes do partido nas institucións; poñer en marcha un área de formación, tanto para as persoas que se incorporan á vida política como para os dirixentes con experiencia; explorar novas vías de comunicación coa militancia e a sociedade en xeral; abrir as sedes de tal modo que sexan un espazo de encontro para a cidadanía; e organizar unha romaría ou convención anual, ofrecendo á militancia unha xornada de festa e confraternización.

Candidatura de renovación e continuidade

O candidato subliñou que para ser quen de desenvolver este programa compre "un amplo equipo de persoas", unha lista que recoñeceu "non foi doada de facer. Así, presentou na súa intervención unha candidatura que cualificou de "renovación, pero tamén de continuidade, que incorpora a persoas de todas as idades, de todos os sectores de actividade; e sobre todo de todos os territorios da provincia".

A todas as persoas que figuran nesta candidatura pediulles "compromiso, porque ides representar a todo un partido e iso son palabras maiores".

Con Luis Menor como presidente, Marta Novoa na Vicepresidencia e Sandra Quintas como secretaria xeral, o candidato detallou unha candidatura que inclúe 13 vicesecretarías, 9 comités de traballo e 14 coordinadores de área.

Luis Menor, novo presidente do PP de Ourense co apoio do 93,74 % dos compromisarios