domingo. 08.06.2025

O envellecemento da poboación está a acabar coas alfombras de Corpus

O ánimo dos veciños das parroquias de Santo Estevo da Rúa, de San Mauro do Barco e da Veiga está a ser cada vez máis baixo «facémonos maiores e os mais novos non queren saber nada disto»

Cada día costa máis atopar persoas implicadas e que queiran colaborar coa realización das alfombras de Corpus. Desde as parroquias de Santo Estevo da Rúa, de San Mauro do Barco e da Veiga O Barco,  pedían axuda e colaboración da veciñanza a través de Somos Comarca e Onda Cero hai uns días.

O chamamento non fixo efecto e as persoas que se atopaban facendo as coloridas alfombras estaban de capa caída, «non polo traballo físico e o non durmir, podía estar outra noite máis, o que me causa este cansancio é o non ver aquí xente axudando», dicía Fina, unha das persoas que traballa arreo na elaboración das da Rúa Vella.

somoscomarca_240601_arua_petin_alfombrascorpus_n986 (3)
Non estaban todos pero traballaron arreo

Estiveron traballando dende onte as tres da tarde para facer unha alfombra e un altar na Praza César Conti, o mesmo no Fondo da Rúa, e unha alfombra no atrio da igrexa. Cos preparativos: cortar a tulla, tinguir a sal, facer os debuxos en papel, pegar as fabas, garavanzos e lentellas, previamente pintados para facer os perfís e outras tarefas previas comezaron xa hai máis de un mes e medio.

Pouco máis de dez persoas estiveron toda a noite nas rúas da parroquia de Santo Estevo «fomos moitos e quedamos menos», di unha veciña. A idade vai facendo que non poidan estar agachados tanto tempo, outros faleceron e outros, entre os que están os novos, non queren saber destas tradicións.

somoscomarca_240601_arua_petin_alfombrascorpus_n986 (22)
Carmen botando tulla na alfombra do atrio da igrexa

Manolo, outro dos veciños que estaba a colaborar engadía: «Sempre somos os mesmos os que estamos ao pé do cañón. Son moitas horas e, parece que non, pero antes viña xente que aínda que non estaba toda a noite íanos relevando, e iso agradécese».

Petín só fixo a alfombra da Veiguiña

En Petín ocorre outro tanto do mesmo. Hai anos os mozos ían ao monte a coller as xestas que logo traían na furgoneta do Ruperto, pedían as flores dos xardíns da vecindade e logo todos a unha traballaban na alfombra da praza, mentres Charo Casas —a do Maduro ou a Canteira—, poñía un bonito altar onde paraba a procesión.

somoscomarca_240601_arua_petin_alfombrascorpus_n986 (31)
Alfombra da Praza da Veiguiña, en Petín

Charo xa non está, coma outros moitos que botaban unha man. A rapazada non quere saber nada de «traballar» e o Ruperto xa se cansou. Así que, en Petín non hai nin altar nin alfombra na Praza.

portada
Alfombra e altar da Praza de Petin no 2018

As veciñas e veciños da Veiguiña foron máis valentes e pese aos poucos ánimos —hai un días faleceu unha das persoas que sempre estaba para axudar, María—, continuaron adiante e fixeron unha alfombra e un altar.

somoscomarca_240601_obarco_feiradoviño_n1021
Así estaba hoxe

O mesmo pensamos que ocorrerá  no resto de lugares onde hai un tempo era un dos días máis importantes do ano pero que hoxe é un domingo máis. Desde aquí tamén un recordo para os que xa non están e que en momentos sinalados recordamos.

O envellecemento da poboación está a acabar coas alfombras de Corpus