O envellecemento da poboación está a acabar coas alfombras de Corpus
Cada día costa máis atopar persoas implicadas e que queiran colaborar coa realización das alfombras de Corpus. Desde as parroquias de Santo Estevo da Rúa, de San Mauro do Barco e da Veiga O Barco, pedían axuda e colaboración da veciñanza a través de Somos Comarca e Onda Cero hai uns días.
O chamamento non fixo efecto e as persoas que se atopaban facendo as coloridas alfombras estaban de capa caída, «non polo traballo físico e o non durmir, podía estar outra noite máis, o que me causa este cansancio é o non ver aquí xente axudando», dicía Fina, unha das persoas que traballa arreo na elaboración das da Rúa Vella.
Estiveron traballando dende onte as tres da tarde para facer unha alfombra e un altar na Praza César Conti, o mesmo no Fondo da Rúa, e unha alfombra no atrio da igrexa. Cos preparativos: cortar a tulla, tinguir a sal, facer os debuxos en papel, pegar as fabas, garavanzos e lentellas, previamente pintados para facer os perfís e outras tarefas previas comezaron xa hai máis de un mes e medio.
Pouco máis de dez persoas estiveron toda a noite nas rúas da parroquia de Santo Estevo «fomos moitos e quedamos menos», di unha veciña. A idade vai facendo que non poidan estar agachados tanto tempo, outros faleceron e outros, entre os que están os novos, non queren saber destas tradicións.
Manolo, outro dos veciños que estaba a colaborar engadía: «Sempre somos os mesmos os que estamos ao pé do cañón. Son moitas horas e, parece que non, pero antes viña xente que aínda que non estaba toda a noite íanos relevando, e iso agradécese».
Petín só fixo a alfombra da Veiguiña
En Petín ocorre outro tanto do mesmo. Hai anos os mozos ían ao monte a coller as xestas que logo traían na furgoneta do Ruperto, pedían as flores dos xardíns da vecindade e logo todos a unha traballaban na alfombra da praza, mentres Charo Casas —a do Maduro ou a Canteira—, poñía un bonito altar onde paraba a procesión.
Charo xa non está, coma outros moitos que botaban unha man. A rapazada non quere saber nada de «traballar» e o Ruperto xa se cansou. Así que, en Petín non hai nin altar nin alfombra na Praza.
As veciñas e veciños da Veiguiña foron máis valentes e pese aos poucos ánimos —hai un días faleceu unha das persoas que sempre estaba para axudar, María—, continuaron adiante e fixeron unha alfombra e un altar.
O mesmo pensamos que ocorrerá no resto de lugares onde hai un tempo era un dos días máis importantes do ano pero que hoxe é un domingo máis. Desde aquí tamén un recordo para os que xa non están e que en momentos sinalados recordamos.