En Ourense diagnostícase unha media de 200 novos casos de cancro de mama anuais

En Ourense diagnostícase unha media de 200 novos casos de cancro de mama anuais
 "Pechando filas co paciente" este é o lema da campaña coa que hoxe o persoal de todas as profesións e servizos implicados co diagnóstico e tratamento das pacientes de cancro mama no Hospital Universitario de Ourense

 "Pechando filas co paciente" este é o lema da campaña coa que hoxe o persoal de todas as profesións e servizos implicados co diagnóstico e tratamento das pacientes de cancro mama no Hospital Universitario de Ourense queren mostrar o seu apoio e poñer en valor o traballo en equipo para pechar as fendas na asistencia.

No Hospital Universitario diagnostícase unha media de 200 novos casos, a maioría cun diagnóstico precoz o que eleva as posibilidades de curación ao 90%, e moitas pacientes poden recibir o seu tratamento e consultas directamente nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras, máis preto da súa casa e evitando desprazamentos periódicos.

No que vai de ano 604 pacientes, na súa maioría mulleres, pero tamén hai homes, accederon a vía rápida de cancro de mama, que permite que axilizar a primeira consulta en caso de sospeita por parte do seu médico de cabeceira ou outros especialistas, nun máximo de dous días, o que adianta os prazos dos estudos diagnósticos e tratamento de ser preciso.

O traballo en equipo é clave, e por elo os profesionais directamente implicados no seu  diagnóstico e tratamento desde os servizos e unidades de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Unidade de Radiodiagnóstico de Mama, Unidade de Cirurxía de Mama, Anatomía Patolóxica, Medicina Nuclear e Farmacia do Hospital Universitario de Ourense queren enviar unha mensaxe de esperanza e tranquilidade ás mulleres que afrontan este proceso asistencial para o que o Servizo Galego de Saúde conta cos medios para tratalo rápida e eficazmente.

Detección Precoz e investigación

Nos últimos anos incremento da detección precoz, avance dos medios diagnósticos e terapéuticos, mellora do abordaxe e coordinación multidisciplinar, protocolización dos procesos e o alto grao de implicación de tódolos servizos, permite tratamentos individualizados á medida das necesidades e características de cada paciente e, na maioría de casos, cunha resposta cirúrxica conservadora.

A mellora dos resultados no cancro de mama son imparables pero é preciso seguir poñendo o acento na prevención, nos hábitos de vida saudables, e por suposto participando na campaña de detección precoz de cancro de mama da Consellería de Sanidade cando se é convocada; xa que a realización dunha mamografía de control segue a ser o método mais eficaz de detección. Asemade é clave avanzar na investigación.

Técnicas como o ganglio centinela e a mellora das técnicas diagnósticas permite detectar cada día con maior precocidade estes tumores, incrementando o número de lesións non palpables (microscópicas ou indetectables ao tacto) Esta detección precoz eleva as posibilidades de supervivencia ata niveis de un 90 por cento dos casos.

Desde o servizo de Oncoloxía Médica, na actualidade ofrécense en Ourense a totalidade de tratamentos existentes, dándose unha resposta individualizada a cada muller, adaptando os tratamentos quimio-hormonoterápicos a cada caso, variando as secuencias de estes, cada día mais efectivos, en función das características de cada patoloxía.

Agora mesmo o Hospital Universitario de Ourense ten múltiples liñas de investigación abertas, entre as que destaca a súa participación nun ambicioso proxecto internacional para mellorar a calidade de vida e afondar no seguemento dos e das pacientes recuperadas de cancro, mediante o emprego da intelixencia artificial e aplicación da análise de gran volume de datos (Big Data).

"Persist", como se denomina o proxecto, ten unha importante presencia galega, xa que ademais de ser o de Ourense o único hospital español participante, o centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, foi designado como coordinador deste consorcio internacional, que está apoiado pola Unión Europea (UE), a través do programa Horizonte 2020 (H2020), cun financiamento de 5 millóns de euros e conta coa participación doutras doce entidades internacionais.

Neste macro proxecto de investigación estase a realizar un seguemento de 160 pacientes voluntarios, 40 deles do Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario de Ourense, recuperados dun cancro de mama ou colorectal, os dous dos mais frecuentes. O resto de pacientes participantes foron seleccionados no Centro Clínico Universitario de Maribor (Eslovenia), o Centro Hospitalario Universitario de Lieja (Bélxica) e o Instituto de Medicina Preventiva e Clínica da Universidade de Latvia (Letonia).