
“Operación Esperanza” e “Pupas, Sustos e Outros Desgustos” entre os finalistas dunha convocatoria nacional a que se presentaron máis de medio millar de iniciativas
Dous proxectos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras son finalistas da edición 2021 dos Premios Afectivo-Efectivo, promovidos por Johnson & Johnson e Cátedras en Rede, e que nesta sétima edición, bateu un récord de participación con 535 inscricións recibidas e 352 proxectos aceptados procedentes de hospitais, asociacións de pacientes e institucións sanitarias de todo o país.
Os premios Afectivo-Efectivo promoven un modelo de transformación sanitaria centrado na persoa, humano, innovador e de gran impacto social, razón de ser das Cátedras en Rede, compostas por grupos multidisciplinares de investigadores e universidades que, desde diferentes perspectivas, abordan asuntos relacionados coa medicina e a atención sanitaria en España.
O xurado da VII Edición do Premios Afectivo Efectivo reuniuse o 20 de maio, de forma virtual, para fallar as candidaturas entre os finalistas de cada categoría, que faranse públicas hoxe (ás 13.00 h.) durante a celebración da VII edición do Foro Premios Afectivo Efectivo, que este ano non contará con asistencia de premiados nin de público, pero onde os relatores si se reencontrarán nun espazo común que anticipa a esperada volta á normalidade para o próximo ano.
Nunha primeira fase de avaliación, as cinco cátedras españolas que conforman Cátedras en Rede avalían todos os proxectos que cumpren cos criterios das bases. Tras facerse as medias da primeira fase, os dez proxectos mellor puntuados de cada categoría pasa a unha segunda fase de avaliación, esta vez por parte dos membros do xurado, que se organizan en mesas diferentes por categoría, para evitar conflitos de interese cos proxectos finalistas.
Os proxectos finalistas ourensáns son ben coñecidos polos pacientes e usuarios da nosa Área. Operación Esperanza centralizou os esforzos do colectivo de profesionais da sanidade pública de Ourense por romper o illamento dos pacientes Covid19, procurando achegarlles o calor e os ánimos dos seus achegados e da propia comunidade. Pola súa parte “Pupas” é unha iniciativa de saúde comunitaria que busca empoderar aos nenos e nenas no coidado da súa saúde, axudándolles a perder o medo á enfermidade, aos sanitarios e neste caso ao coronavirus, ensinando dun xeito lúdico e perticipativo directamente nas escolas.