A Deputación aproba en pleno unha moción sobre a mellora de viais en Valdeorras

A Deputación aproba en pleno unha moción sobre a mellora de viais en Valdeorras.
Déuselle luz verde tamén a outras dúas: unha sobre a aplicación da lei de benestar animal por parte dos concellos e outra sobre o actual canon por tonelada de residuos que se lle paga a Sogama

A Deputación de Ourense celebrou hoxe mércores 24 de xullo pleno de sesión ordinaria —o último antes do parón do mes agosto— e nel foron abordadas diversas mocións dos grupos políticos que atinxen a Valdeorras. 

O pleno aprobou senllas mocións sobre a mellora das infraestruturas viarias en Valdeorras e benestar animal.

Sobre a primeira, acordouse esixir á Xunta de Galicia a contratación —á maior brevidade e a ser posible antes do remate de 2024,— das obras de arranxo da OU-533, incluíndo unha partida nos orzamentos de 2025 para o acondicionamento desta estrada.

Pídese tamén á Deputación que inste ao Goberno de España a realizar a mellora integral do firme da N-120 e nomeadamente na comarca de Valdeorras. Tamén que se fagan os traballos de limpeza de biomasa nos noiros da N-120, priorizando os núcleos habitados, cumprindo ademais coa Lei de Prevención e Defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Entre as peticións figura ademais un estudo dos puntos negros da N-120 no referido a choques con fauna salvaxe e realizar peches nesas zonas, o acceso á Rúa e Vilamartín e destinar fondos para estas actuacións no orzamentos xerais do Estado, así como o orzamento necesario para executar sen máis demoras a A-76.

No referido á iniciativa sobre benestar animal, a Corporación provincial insta ao Goberno de España a que dote orzamentariamente aos concellos dunha partida para aplicar a Lei de Protección dos Dereitos e Benestar dos Animais, en base a criterios obxectivos baseados nun censo sobre os animais domésticos que viven no concello, tipo de especie, estado (abandonado, libre, en explotación) ou idade.

Tamén se pide a modificación desta lei para emendar as carencias observadas, atendendo aos criterios dos profesionais sanitarios do sector e das recomendacións feitas pola FEMP.

Por último, no que atinxe á proposta sobre o actual canon por tonelada de residuos xestionada que pagan os concellos a Sogama, a corporación provincial acordou que a Deputación inste á Xunta para implantar medidas urxentes para avanzar cara unha xestión descentralizada dos residuos con plantas de proximidade, así como para que se manteña o canon actual que pagan os concellos adscritos a Sogama de 66€ por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente do IVE.