Os boteiros e fulións de Viana do Bolo xogan en Primeira División
As máis de 17.000 persoas que acudiron ao campo de Balaídos este sábado a ver o partido do Celta tiveron unha sorpresa en forma de visita. Unha representación dos boteiros e fulións de Viana do Bolo desprazouse ata Vigo para, xunto cos Cigarróns de Verín, participar nunha homenaxe ao Entroido galego promovida polo club olívico.
O clásico son dos fulións, con bombos e ferramentas, fíxose sentir dende o círculo central do céspede Balaídos só uns minutos antes do inicio do encotro de Primeira División. Todo un escaparate para esta celebración tradicional que se viu aínda multiplicado pola difusión en redes sociais de vídeos da homenaxe.
«As nosas tradicións mantéñennos vivos. Quixemos enxalzar a cultura galega ante o mundo», sinalaron dende o Celta. Ao remate do partido do equipo masculino deu comezo un xantar de Entroido —con comida típica destas datas, como filloas, orellas e flores de entroido—, antes do encontro do equipo feminino.
A intención do club é que, cada ano, Abanca Balaídos renda homenaxe a diferentes figuras do Entroido, recoñecendo así a riqueza e variedade desta festividade en toda Galicia.