viernes. 19.04.2024
somoscomarca_bng_robertoquiroga_2021-12-01
O BNG de Valdeorras renova o seu Consello Comarcal

A Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego de Valdeorras vén de rematar o proceso de renovación da dirección comarcal coa elección por unanimidade dun novo Consello Comarcal que, de novo, estará encabezado por Roberto Quiroga López, que tamén fará parte do Consello Nacional do BNG.

Quiroga, que ten unha longa traxectoria de militancia no nacionalismo e na defensa da comarca, amosou o seu agradecemento para coas compañeiras e compañeiros que o elixiron así como a súa disposición a traballar arreo polo interese de Valdeorras.

O reeleito responsábel comarcal destaca a importancia do momento político no que nos atopamos e remarca que a renovación do órgano comarcal fai parte do mesmo proceso asambleario que levou a reelexir a Ana Pontón como portavoz nacional do BNG. O renovado Consello Comarcal do BNG ten unha composición máis reducida “para facelo máis operativo” e acompañando a Quiroga estarán outras tres persoas electas directamente pola Asamblea Comarcal.

Son Antón Rodríguez Prieto (vicerresponsábel comarcal), Noa Fernández Gómez (responsábel de finanzas) e Maria González Albert (responsábel de organización). A eles súmanse como vogais outras tres persoas representando ás localidades; son Avelino Fernández Seco, Jesús Vilasánchez Feixóo e Vítor Sierra Nieves.

O primeiro e fundamental grande reto que o novo Consello Comarcal do BNG ten ante si será a fixación e aumento de presenza no territorio e a elaboración de equipos e candidaturas de cara ás eleccións municipais de 2023.

O BNG de Valdeorras renova o seu Consello Comarcal