O BNG propón reforzar o apoio da Deputación ao galego a través dos Servizos de Normalización Lingüística
O grupo provincial do BNG en Ourense propón que a Deputación impulse a creación dun programa de cooperación cos concellos para fortalecer o uso da lingua galega mediante os Servizos de Normalización Lingüística (SNL). A iniciativa busca facilitar a implantación destes servizos nos municipios medianos, entre 5.000 e 20.000 habitantes, e promover o seu uso compartido en concellos máis pequenos.
O voceiro do BNG na Deputación, Bernardo Varela, salientou que as administracións públicas teñen a responsabilidade de impulsar políticas lingüísticas activas. Segundo Varela, «as deputacións deben asumir tamén as súas responsabilidades e obrigas no ámbito da normalización lingüística, colaborando cos concellos para que poidan contar con servizos que fomenten o uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais».
A proposta inclúe unha dotación económica de 20.000 euros anuais por cada SNL, así como un plan de actuación e coordinación que garanta un funcionamento eficaz destes servizos nos diferentes municipios. Ademais, o BNG insta á Deputación a incrementar os recursos destinados á promoción da lingua, xa que actualmente o orzamento é de 111.516,42 euros, unha contía que consideran insuficiente para as necesidades reais do proceso de normalización.
Por outra banda, a formación nacionalista solicita que a Deputación desenvolva un plan transversal para a promoción do galego en todas as súas áreas de actuación. Isto implicaría establecer criterios lingüísticos claros á hora de conceder subvencións, asinar convenios ou contratar servizos, garantindo que a lingua galega sexa un elemento central nas políticas da administración provincial.