O BNG esixe á Xunta medidas urxentes para garantir a potabilidade da auga en Valdeorras
Secundino Fernández acusa ao Goberno de Rueda de «neglixencia de libro» e de desprezar á veciñanza tras os incendios do verán que contaminaron os cursos fluviais e acuíferos da comarca.
O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, reclamou á Xunta de Galicia que adopte medidas inmediatas para garantir a potabilidade da auga de consumo nos concellos de Valdeorras, afectados pola contaminación derivada dos arrastres de cinza tras os incendios deste verán.
O deputado nacionalista advertiu de que unha das consecuencias máis graves dos lumes é a chegada de materiais queimados e sedimentos aos cursos fluviais e acuíferos utilizados para o abastecemento humano, o que obrigou a concellos como A Rúa a repartir auga embotellada entre a poboación.
«En lugar de tomar medidas, a Xunta dedicouse a botar balóns fóra, tentando trasladar a súa responsabilidade a outras administracións», criticou Fernández, quen cualificou a actitude do Executivo galego de «neglixencia de libro» e de «desprezo absoluto cara ás veciñas e veciños de Valdeorras». O deputado preguntouse «como pode o Goberno de Rueda deixar á poboación nesta situación sen adoptar ningunha medida efectiva».
O BNG presentou por vía de urxencia unha iniciativa parlamentaria para esixir ao Goberno galego que actúe de inmediato e poña en marcha medidas coordinadas cos concellos co fin de garantir a calidade e seguridade da auga de consumo.
Na proposta, o grupo nacionalista lembra que os graves incendios de agosto que afectaron a Valdeorras naceron en poucos focos que o Executivo autonómico «non foi quen de controlar nos primeiros momentos», derivando nunha «catástrofe provocada pola súa falta de previsión».
Entre os máis afectados figura o incendio de Seadur (Larouco), que se converteu nun lume de grandes dimensións e arrasou preto de 40.000 hectáreas nos concellos de Larouco, O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín, Carballeda, O Barco, Rubiá, A Veiga, Quiroga e mesmo zonas limítrofes de Castela e León.
Segundo advertiu Fernández, ás consecuencias ambientais e económicas directas dos incendios súmanse agora os danos provocados polas choivas nas zonas arrasadas, onde a orografía favorece a erosión e os arrastres de cinza e solo contaminado cara aos ríos e mananciais que abastecen á poboación.