O BNG acusa ao PP de castigar a Valdeorras e desentenderse do arrastre de cinzas
A tensión política volveu ao debate sobre a potabilidade da auga en Valdeorras. O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, chamou «goberno rancoroso» ao Executivo de Alfonso Rueda e acusouno de «castigar á veciñanza» ao negarse —afirma— a actuar diante dos problemas derivados do arrastre das cinzas dos incendios de agosto.
Fernández levou o asunto ao pleno do Parlamento, onde denunciou que os servizos municipais da comarca «están a traballar día e noite para poder levar auga potábel á veciñanza», mentres, ao seu xuízo, o Goberno galego «non presta a mínima colaboración» e «non aporta absolutamente nada para resolver un problema de saúde pública». O deputado ourensán tamén reprochou á conselleira de Medio Rural, María José Gómez, que empregue a poboación como «refén» nunha loita política «contra concellos doutras cores e contra o Goberno do Estado».
O nacionalista fixo referencia directa ás consecuencias do incendio iniciado o 14 de agosto en Seadur (Larouco), que deixou preto de 40.000 hectáreas arrasadas. Ás perdas iniciais súmanse agora —advertiu— os danos provocados pola chegada das primeiras choivas, que arrastran cinzas aos ríos e depósitos que abastecen á comarca. «É unha desidia de proporcións nunca vistas», asegurou.
Durante a súa intervención, Fernández cuestionou que a Xunta «bote balóns fóra» malia ter «competencias exclusivas en montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos», segundo o Estatuto de Autonomía. Sinalou que os concellos carecen de recursos suficientes e que, nesta situación, «se ven abandonados» mentres a veciñanza mantén restricións de auga desde hai case un mes.
No caso da Rúa, onde arderon 2.900 hectáreas —máis do 80 % do termo municipal—, Fernández lamentou que o PP na Xunta repita «o mesmo patrón» que, asegura, aplicou cando o lume do vertedoiro ameazou a varios concellos en plena vaga de incendios. «O Goberno do PP, nunha actuación totalmente rexeitable e miserable, tampouco quixo actuar entón», apuntou.
O deputado concluíu cunha petición directa á conselleira: «Non trate aos veciños e veciñas de Valdeorras de parvos». E reclamoulle que actúe canto antes para frear o impacto das cinzas nos abastecementos.