Aumenta a atención integral en Crohn e colite ulcerosa en Valdeorras

Aumenta a atención integral en Crohn e colite ulcerosa en Valdeorras
ACCU Ourense realizou máis de 30 intervencións sociais en Valdeorras durante este ano, sobre todo en aspectos relacionados con procesos de discapacidade e incapacidade, orientación laboral e afectación física, social e emocional das patoloxías

ACCU Ourense está a desenvolver o servizo de atención integral a Crohn e colitis ulcerosa no que participaron 120 persoas na provincia de Ourense. “Este ano aumentaron considerablemente as intervencións sociais, destacando que na contorna de Valdeorras duplicáronse as intervencións sociais con persoas con Crohn e colite ulcerosa e máis as súas familias” coméntanos Fernando Jiménez, presidente de ACCU Ourense.

Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), desenvólvense intervencións profesionalizadas de ámbito social e sanitario, así como intervención social, apoio persoal, acompañamento, atención á autonomía, tarxeta aparcamento, Acceso ACCU, baños adaptados para persoas ostomizadas, protocolos educativos, integración laboral e sensibilización, concienciación e visibilización.

ACCU Ourense realizou máis de 30 intervencións sociais en Valdeorras durante este ano, sobre todo en aspectos relacionados con procesos de discapacidade e incapacidade, orientación laboral e afectación física, social e emocional das patoloxías. “Para iso e grazas aos organismos que nos apoian, ofrecemos atención social, psicolóxica e fisioterapéutica de forma gratuíta para que as persoas socias poidan dispoñer destes servizos cando o precisen” cóntanos Chari Álvarez, traballadora social de ACCU Ourense.

Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para o financiamento dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.