
As alcaldesas de Carballeda de Valdeorras, Larouco e Vilariño de Conso —María del Carmen González, Patricia Lamela e Melisa Macía, respectivamente— formaron parte, xunto a outras rexedoras da provincia de Ourense, da delegación do Partido Popular de Galicia encabezada pola secretaria xeral, Paula Prado.
Unha delegación que visitou a sede do Parlamento Europeo en Bruxelas acompañada polos eurodeputados Francisco Millán e Adrián Vázquez. Todas as alcaldesas participantes subscribiron un documento onde engloban as principais demandas, prioridades e preocupacións dos seus territorios, co fin de que o Grupo Popular na Eurocámara o teña en conta para «beneficiar á provincia».
O documento conxunto conta con peticións relativas «a fondos europeos e a necesidade dun reparto directo e equitativo; a asuntos medioambientais como a posta en valor dos ríos e a mellora do abastecemento e saneamento dos seus núcleos de poboación; ao reto demográfico e a necesidade de incentivar a inserción laboral no rural e á creación de vivendas accesibles».
Tamén formulan peticións sobre servizos sociais e a construción de novos modelos de residencias de maiores; «a mobilidade e fomento de transporte colectivo; as telecomunicacións e a chegada de conexión de internet e cobertura de telefonía de calidade».
Referencias ademais á prevención de incendios e loita contra os lumes; o sector primario, con «especial foco no sistema de regadíos e no sector agrogandeiro do Macizo Central; á cultura, con especial énfase no Entroido ourensán; ás infraestruturas viarias que vertebren o territorio provincial; ao termalismo; acordos internacionais; e ás políticas da PAC».