domingo. 26.06.2022

A ablación de nódulos tiroideos xa é posible sen cirurxía grazas á radioloxía

A ablación por radiofrecuencia é unha técnica minimamente invasiva que permite dar unha solución a persoas nas que non está indicada a cirurxía

 

somoscomarca_equiporadiologia_2022-06-20
A ablación de nódulos tiroideos xa é posible sen cirurxía grazas á radioloxía

A Sección de Radioloxía Intervencionista de Ourense, Verín e Valdeorras continúa a ampliar a súa carteira de servizos coa incorporación dunha nova técnica: a ablación por radiofrecuencia de nódulos benignos na glándula tiroides, un procedemento minimamente invasivo que da unha solución, efectiva, segura e sen complicacións, a persoas nas que non está indicada a cirurxía.

O procedemento consiste en “queimar” o nódulo ou quiste por vía percutánea, é dicir a través dun pequeno corte na pel, de uns milímetros, polo que se pasa unha sonda que dirixe ondas de radiofrecuencia ao punto exacto da glándula, aumentando a temperatura de 60 a 100 graos.

O procedemento realízase con anestesia local e sedación, na sala de radioloxía intervencionista, cun breve ingreso de tan só un día, aínda que tamén pode realizarse de xeito ambulatorio, cunha estanza de 6 a 8 horas, realizando vida normal despois do alta hospitalaria.

Con xa tres pacientes intervidos por esta vía, vense de elaborar un protocolo conxunto entre Radioloxía intervencionista, Endocrinoloxía, Cirurxía Xeral e Anestesia, que facilita a selección de pacientes candidatos a esta técnica, indicada para nódulos ou tumores benignos, non canceríxenos, de pequeno tamaño. Este tipo de nódulos só se extraen cando xeran síntomas que dificultan a vida diaria (como molestias ao tragar, tose, etc.) ou cando o paciente non pode someterse ao tratamento farmacolóxico habitual.

A Radiofrecuencia resulta unha alternativa terapeútica para pacientes previamente operados, nos que a cirurxía é máis complexa, ou cando esta supón un risco, polo que non está indicada, pero non se recomenda en grandes nódulos ou nos de tipo canceríxeno, por elo é preciso realizar un amplo estudo do tecido do tumor previamente (biopsia).

A ablación de nódulos tiroideos xa é posible sen cirurxía grazas á radioloxía