viernes. 06.06.2025
Vilamartín

A troula apodérase das Covas de Arcos

Arredor de un millar de persoas visitaron as Covas de Arcos de Valdeorras con motivo da IV Edición da Festa Coveira. O aforo estaba limitado a mil persoas e só tiñan o pase asegurado aqueles que comprasen a entrada anticipada.

Dende a organización afirmaban que aínda que entre todas as covas se puidera acoller a máis persoas “o que queremos é atender á xente e que goce da festa, non nos gusta que se masifique e que non se poida nin comer nin beber, nin falar tranquilamente...”

Arcos superou con creces as expectativas e as mil persoas asistentes comezaron a festa cando empezaba a caer a tarde.

Comida, viño, música e troula foron os ingredientes indispensables para esta celebración, que comezou ás 19:30 horas coa apertura de 13 covas (algunhas máis que en pasadas edicións) que se podían visitar completamente e nas que se serviron pinchos, viño, postres típicos e, como non, música a ritmo de Os Bertollini, que acompañaron aos visitantes en todo o seu percorrido.

Ademais, a troula completouse con xogos e actividades para os máis pequenos e unha discoteca móbil para os máis novos.

Para rematar ben a festa e que cada un chegase de “bo xeito” ás súas casas, a imaxe de Don Godellín sacouse en procesión para bendicir o camiño de volta e protexer aos festeiros no seu regreso á casa.

Malia que esta festa en Arcos se popularizou dende fai tan só catro anos, os veciños recordan que esta celebración nas covas era moi típica dos seus antepasados, incluso se remonta á época dos romanos.

Cada ano a Festa Coveira de Arcos ten máis interese, non só na comarca, senón en toda a provincia. Dende a organización esperan seguir crecendo e fomentando, ano tras ano, esta cultura tan nosa.

 

A troula apodérase das Covas de Arcos