Un Santiago diferente ao son da charanga

Recordos doutros anos para unha festa que permane sempre na memoria de todos os petineses

Por mor da pandemia as festas están cambiando e o Santiago de Petín non ía ser menos. O pasado ano non houbo actuacións musicais e este ao final a charanga Los Támega traen a festa a un pobo onde a troula é a esencia.

Actos relixiosos aínda que sen procesión para uns e o vermú na praza para todos animados pola música e o show desta charanga que fai erguerse da cadeira e botar un baile, iso si con un convivinte e a máis de metro e medio.

E como a festa deste ano non da para máis o recordo das anteriores, sobre todo esas que eu vivín de nena e que me veñen ao recordo cada 25 de xullo.

A véspera era o mellor, a casa chea de vida. A nai, a tía —cada un ten a súa a miña era a Aurelia— e a aboa matando os polos, que ninguén se ruborice nin se enfade, daquela criábanse os polos para comer no Santiago e no Nadal. Tamén se gardaba un lacón para facer o trufado, que era normalmente desta carne e da de pita. «Desplumábamos a pita sen auga quente para que non se lle rompese a pel. Logo había  que quitarlle os osos, rechela, cocela e prensala», conta Paquita, unha das veciñas que tamén rememora eses tempos.

O día anterior íase ao forno da Cleofé cos ovos das pitas de casa, o leite o azucre e a fariña e batíase nun aparato a pedais os ingredientes para que logo o Querol os metera no forno nun molde con un buraco no medio. Iso era o roscón. Nos «postres» non faltaba a macedonia de froitas e o brazo de xitano que a creo que a todos os pequenos nos gustaba porque levaba crema e iso implicaba rebañar o que quedaba na pota.

O típico da festa era o entremés con chourizo, xamón e queixo, os trufados e logo cabrito con leituga e tomates recollidos da horta ou polo guisado. De sobremesa, o dito, macedonia e brazo de xitano ou tarta e roscón.

O día de Santiago viñan os parentes e amigos doutros lugares. Non sei como naqueles comedores tan pequenos collía tanta xente. É verdade que a avoa, a nai e a tía non se sentaban, estaban a pé de cociña toda a xornada.

Íamos a misa e a procesión do Santiago que sempre levaba un acio de uvas maduras dunha viña de Petín na man e logo como este ano e todos os anteriores ó vermú a escoitar á orquestra ca que se bailaría na sesión de tarde e na verbena.

Galería de fotos de anos pasados para que desfrutedes doutros tempos. Que para o vindeiro todo poida volver a ser coma antes!

Santiago 2015

Santiago de 2016

Santiago 2017

Santiago 2018