«Que bonito sería achegar a arte á xente sen ir a un museo»
David Esmerodes conta como xurdiu a idea de encher as rúas de Petín de arte e cal foi a mecha que prendeu Marco Petín
Marco Petín nace dunha conversa sobre arte entre Amancio e David despois de escoitar á Sonora Petinesa, hai máis de oito anos, nunhas festas de Santiago.
Coa rúa da igrexa de fondo, na terraza dun dos bares de Petín e apurando a última copa da noite, Amancio e David conversan sobre a obra de Carina que os leva a imaxinar o casco vello inundado de obras de arte. «Que bonito sería achegar a arte á xente sen necesidade de ir a un museo!», di un. «Imaxínate que ben sería ter un mural aquí na parede da igrexa, ou aquí unha escultura. E, si puideramos traer estás rúas a obra dos artistas da zona?», espeta o outro. A noite rematou e con ela a conversa.
«A cabeza non para!», como fai a testa de Amancio a diario e como diría Roberto Vilar, no Land Rober. O pasado ano por mor da pandemia non se puido levar a cabo a Feira de 1812, na que se recorda a época na que os franceses andaban pola nosa terra e como as mulleres de Petín lle fixeron fronte. Algo había que facer, foi entón cando David recibiu a chamada telefónica de Amancio quen lle espetou: «Queres retomar ese proxecto que tiñamos? (eu xa non me acordaba de que me estaba contando) o de expoñer os cuadros da túa muller e outros artistas. Podemos por tamén os do Lito».
E así foi como o pasado ano se puxo en marcha esta exposición que, como o seu nome di, é unha mostra de artistas da comarca. Lito (Alva), Conde-Torino e Carina foron os expoñentes da primeira edición. Este ano incorpórase a obra do escultor, Xelo de Tremiñá; os debuxos hiperrealistas da petinesa Aba Aizpuru e Enma Traba; e a pintura de Díaz Ferrer e Roberto Álvarez.
A exposición pódese ver de oito da tarde a once da noite até o domingo 15 de agosto, tal como recordaba a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista Carballo.
Marco Petín onde a arte embelece as rúas ou, onde as rúas fan grande a arte?