viernes. 29.03.2024
Petín

Ignacio Vilar: «Esas mulleres que estás fotografando existen ou no existen?»

O 23 de decembro inaugurábase a exposición «Mulheres» da sarriana, Mercedes Vázquez Saavedra, na Casa da Cultura de Petín. O acto asistía a autora dos retratos, o alcalde de Petín, Miguel Bautista e o cineasta petinés, Ignacio Vilar, que apareceu vestido cun ancestral traxe de palla que se usaba para escorrer a auga.

 

 

Despois da presentación do alcalde, tomou a palabra Vilar para contarlles aos presentes coma descubrira a obra de Mercedes. «A Mercedes coñecina polo Facebook, de vez en cando colga algún destes retratos, e eu, atopeime con estas mulleres. O primeiro que me fixo sentir foi as mulleres da miña infancia», dixo Vilar nada mais comezar a falar. Vilar naceu no barrio de Castrofolla, en Petín, e as mulleres de Mercedes, recordáronlle a súa infancia, retrotraérono o seu pasado para rememorar a «Castrofolla viva». Segundo as súas palabras «a sentir o que é vivir e nacer nunha aldea». Despois de nomear algunha daquelas mulleres da infancia, a Pura, a Carmela, e recordar o traballo da comunidade, reivindicou o dereito a vivir na aldea e vivir ben. Tamén fixo fincapé nos maiores e na maneira na que rematan a súas vidas, en residencias «no monte», alonxadas dos seus e do seu.

 

 

As mulleres que saen nas fotos existen, e son maioritariamente da aldea de Pitoes —Portugal—, «a Castrofolla de hai 50 anos», segundo Vilar. Esas mulleres, a diferencia das que hoxe habitan os pobos, seguen a vivir coa súa familia, traballan o campo e coidan o gando. A maiores, na aldea portuguesa, hai dez casas de turismo rural, a xente non ten que emigrar, vive do seu traballo e os maiores están coidados e atendidos. «Viven na aldea, en cambio nos pensamos que estamos mais avanzados e mandámolas as residencias, no monte», tras estas palabras cheas de sentimento e rabia Vilar deu paso a Mercedes Vázquez.

 

 

Palabras de Ignacio Vilar durante a inauguración da exposición.

 

«Cando coñecín a Ignacio quedei abraiada porque realmente quería coñecer a aquelas mulleres. Non servía velas nas fotos senón que quixo ir a velas a Pitoes», con estas palabras comezou Mercedes a súa presentación, despois de agradecer aos presentes a súa compaña.

 

 

Case que todas as fotos que se achan na exposición son mulleres de Pitoes pero tamén hai de outras poboacións da raia galego-portuguesa. Son mulleres que traballaron moito, que teñen moito que contar, axudaron na época da guerra a exiliados. Mercedes vestida cun avental — especie de capote ou capa curta de pano, con alorzas e adornos de veludo ou fitas que se pon a cabeza os días de frío— co que a agasallaron as mulleres de Pitoes tratou explicar a maneira de ser delas. «Quero demostrar con esta exposición que hai xente marabillosa que da o que ten», dixo Mercedes. Y é, que esta sarriana leva 10 anos vivindo nesta aldea comunitaria y o que alí aprende é o que quere transmitir.

 

 

A exposición estará aberta até o 10 de xaneiro e pódese contemplar de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas na Casa da Cultura de Petín.

 

Ignacio Vilar: «Esas mulleres que estás fotografando existen ou no existen?»