domingo. 08.06.2025
O Barco

As festas de San Roque nas Casas Baratas comezaron coa procesión do Santo

O barrio barquense das Casas Baratas celebrou o día do seu patrón, San Roque, cunha misa de campaña preto da capela do santo.

Ás 12:00 horas, entre unha salva de bombas, saía o santo a ombros dos fieis pola rúa Florencio Delgado Gurriarán, para seguir pola de Manuel Quiroga e, tras pasar pola Praza das Airas, en pleno casco vello barquense, retornar ao barrio pola rúa que leva o seu nome.

Detrás da imaxe de San Roque que portaba un gran acio de uvas brancas na man, á esquerda ía a da Nosa Señora da Asunción, cuxa onomástica celebrouse onte.

A partires das 12:30 horas, celebrábase a misa de campaña, cantada polo coro da igrexa de San Mauro, ofrecida a todos os defuntos e persoas enfermas do barrio. Presidiu a homilía Dani, un presbítero recén ordenado, acompañado do pai Aurelio, misioneiro en África.

No popular barrio barquense tamén se celebrou a  sesión vermú a cargo dunha charanga. A partires das 18:00 horas, haberá torneo de bolos e de billarda, ademáis de xogos para nenos. Ás 20:30 horas, o DJ D’Ángelo dará paso ao concerto de «Los Íñigos».

Os encargados de organizar a festa foron os catro bares do barrio nos que se colocaron botes para que os veciños e visitantes aportasen o que lles parecese para colaborar cos gastos da organización.

As festas de San Roque nas Casas Baratas comezaron coa procesión do Santo