A tarde do sábado 1 de abril as pistas de Calabagueiros acollían a primeira xornada do campeonato escolar Xogade, ademais do II Control e Marcas do Club ADAS O Barco que se celebra na localidade.
A Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA), organizaba estas probas coas que se inauguraba a temporada de pista ao aire libre. Nenos e nenas de categorías escolares chegados das comarcas de Valdeorras e Trives participaban nesta primeira xornada do campionato Xogade buscando mellorar as súas marcas.
No II Control de Marcas do Adas, regulado polo Comité Valdeorrés de Xuíces da FGA, participaban rapaces das categorías cadete, xuvenil e absoluta.
Grandes noticias para Belén García no Control, xa que conseguía marca mínima para o Nacional Cadete de Aire Libre na proba dos 100 metros valla, cun tempo de 15"95.
A só 2 segundos da mínima nacional quedaba Inés Docampo na proba dos 1000m, a pesares da súa gran actuación, que rematou cun tempo de 3'09".
Os máis cativos conseguiron meterse entre os primeiros postos do ránking galego en algunhas das probas. Os resultados poden consultarse na páxina da Federación Galega de Atletismo (FGA).
Por outra banda, este fin de semana disputábase tamén a XVIII edición da Media Maratón Gran Bahía Vig-Bay, en Pontevedra. Os gañadores foron dous portugueses, Nuno Costa no apartado masculino, superando a Lolo Penas; e Clarisse Cruz na categoría feminina.
Pero os fondistas do ADAS Proinor que participaron conseguiron obter moi bos resultados. Na expedición masculina, o mellor posto foi o conseguido por Richi Vázquez, veterano maior de 40 anos (M40), que se fixo coa undécima posición absoluta cunha marca de 1 hora 11 minutos 29 segundos. Outro veterano, Kike, chegou no posto 23 absoluto, cunha marca de 1 hora 14 minutos 02 segundos.
Sen dúbida a gran triunfadora da cita foi Sandra Mosquera, no apartado feminino, que acadou a segunda posición absoluta cunha gran marca de 1 hora 20 minutos e 02 segundos.