viernes. 29.03.2024
A Rúa

Medio millar de persoas na cea popular do San Cristovo da Rúa

O mes de xullo acaba de sumar unha nova data no calendario de festexos da Rúa de Valdeorras. Onte venres, máis de cincocentas persoas gozaron dunha cea popular na rúa da Estación na que foi a primeira xornada do Carnavrao, o antroido de verán que se celebra durante todo este fin de semana. A cea foi seguida dunha amenización musical que prolongou a festa ata a madrugada, coa participación de veciñanza de tódalas idades.

Antes da cea, a Asociación Sociocultural San Cristóbal, organizadora do evento, presentouse cun acto no Centro Cultural Avenida no que se proxectaron fotografías antigas da vila e se destacaron as expectativas do colectivo recén creado. Un dos seus fundadores, Marco Fernández, destacou os motivos polos que decidiron crear a asociaciación: "Siempre nos quejamos de que en el pueblo no había nada y decidimos juntarnos y hacerlo nosotros". Fernández explicou que este carnavrao é a primeira de moitas actividades que pensan organizar ó longo do ano, recuperando algunhas das tradicións festivas que se celebraban na Rúa, como a procesión de coches do San Cristovo que farán mañá domingo acompañada dunha exhibición de coches antigos.

Hoxe pola tarde, a programación do Carnavrao continúa cun desfile de carrozas e premios ós mellores disfraces e tamén a todas as comparsa participantes. A cita -que rememora ós desfiles de carrozas que se facían hai xa varias décadas no verán rués- arranca esta tarde as 19.30 horas coa saída dos disfraces dende a Cooperativa da Rúa.

Medio millar de persoas na cea popular do San Cristovo da Rúa