A venda de entradas para a Festa do Botelo deste 2025 comezou no Teatro Lauro Olmo do Barco cunha puntualidade británica, e non deixou a ninguén indiferente. Este ano, a cita acadou cifras sen precedente: a cola formouse xa ás dez da noite do venres, moito antes do habitual. As portas do teatro abríronse ás 3:27 horas, e ás 4:45 entregábase o último número con opción directa a entradas, o 135. A demanda foi tal que 14 persoas, solicitando un total de 50 entradas, quedaron en lista de espera. Pouco máis dunha hora despois, pechábase a venda.
A concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, encargada da organización desta emblemática festa gastronómica, atribúe o éxito á implicación da mocidade. «Cada ano batemos máis récords na entrega dos números. A xente madrugou moitísimo. O público máis novo está a tomar este día como unha festa: participan na ruta de pinchos, toman unhas copas e logo xa quedan a facer a cola», comenta.