Continúa activo o incendio de Sabuguido (Vilariño de Conso)
Comezou na madrugada do domingo e xa afecta a máis de 2.000 hectáreas
O incendio que se declarou na parroquia de Sabuguido, no concello de Vilariño de Conso ás 02:22 horas do domingo 13 de setembro, segue activo.
Segundo as últimas estimacións afecta unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 9 axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 9 avións.
Trátase segundo a alcaldesa, Melisa Macía, dun lume provocado xa que prendeu até en 9 focos a vez en puntos estratéxicos da montaña de tal forma que estes focos se uniran provocando maior estrago. «Creo o cen por cen que non é cousa dos veciños. Isto é cousa dunha mafia organizada. Predéronlle en 9 focos xusto cando as previsións anuncian que ía chover e sabendo que antes fai aire que é o que está facendo que se reaviven as chamas de continuo», aseguraba Macía. A rexedora tamén sinalou que o lume esta xa moi preto da do Parque Natural do Invernadeiro, unha zona protexida e de moito valor.
Comezou na parte alta da montaña e foi baixando até chegar a zonas próximas do núcleo habitado de Sabuguido. Ademais de monte baixo levan ardido soutos de castaños, algúns de recente plantación, rebolos e tamén afectou as colmeas.
Manzaneda
Activo desde as 5,32 h. un lume no concello de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 100 hectáreas de superficie. No seu control traballan arestora medios terrestres.
Quiroga
Extinguido ás 19,40 h. de onte o incendio do concello lugués de Quiroga, parroquia do Hospital, que se iniciara o venres ás 00,03 h. A superficie afectada foi de 53,09 hectáreas de superficie, das cales 34,12 son arboradas e as 18,97 restantes rasas. Na súa extinción participaron 12 axentes, 41 brigadas, 23 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.