Unha vintena de autónomos valdeorreses participaron nas xornadas de dixitalización no rural

Unha vintena de autónomos valdeorreses participaron nas xornadas de dixitalización no rural
No transcurso da xornada, amosáronse as ferramentas para a dixitalización dos negocios, revisáronse as oportunidades dos avances tecnolóxicos para os negocios e os apoios ofrecidos pola Xunta

O ciclo de xornadas formativas “A dixitalización dos negocios no rural” para potenciar os negocios nesta contorna chegou este mediodía a súa fin cunha última charla en Valdeorras.

No evento, que tivo lugar no Centro Social de Santa Lucía, participaron o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas e, Miguel Fidalgo, o responsable das Oficinas do Igape da Zona Sur. A clausura, na que participaron máis dunha vintena de persoas, estivo conducida por Jaime Barreiro, experto en marketing dixital, que analizou a situación das persoas traballadoras autónomas das zonas rurais e afondo unas técnicas para mellorar o seu desenvolvemento profesional e avanzar nos seus proxectos.

O relator explicou as novas oportunidades existentes na contorna rural e as técnicas para efectuar unha dixitalización efectiva e realista. Por outra banda, o responsable das Oficinas do Igape da Zona Sur, Miguel Fidalgo, informou acerca das liñas de actuación e o apoio que ofrece a Xunta de Galicia para levalo a cabo.

No transcurso da xornada, amosáronse as ferramentas para a dixitalización dos negocios, revisáronse as oportunidades dos avances tecnolóxicos para os negocios e os apoios ofrecidos pola Xunta. Por último, estudáronse as necesidades e posibilidades da dixitalizacion nos negocios no rural.

Esta iniciativa, ofrece información sobre o emprendemento, a mellora do desenvolvemento profesional, a consolidación de proxectos e a reinvención dos negocios na contorna rural. En xeral, o obxectivo destas xornadas formativas é inspirar ás persoas autónomas, animar a emprender, consolidar o negocio no rural e detectar novas oportunidades que chegan da man dos cambios tecnolóxicos.

Esta trátase da quinta e última das xornadas deste ciclo “A dixitalización dos negocios no rural”, que xa pasou por Ferrol, San Cibrao das Viñas, Mondoñedo e Marín, da que disfrutaron ao redor de 150 participantes en total. Porque mellorar, optimizarse e apostar pola modernización é fundamental para seguir sendo competitivo e diferenciarse nun mercado tan saturado de información como é o actual.