Vilamartín necesita 40.000 euros para a reparación da estrada de Cernego

A estrada de Cernego, no Concello de Vilamartín, está en fase de descomposición, sufrindo serios danos con baches cada vez máis profundos. A reparación conta cun presuposto de 40.000 euros.

O firme, que ten cerca de 40 anos, pon nunha situación complicada ao equipo de goberno vilamartinés, que se viu na obriga de prohibir o paso aos vehículos de gran tonelaxe. "Pode soportar un vehículo pequeno pero tal como está, calquera vehículo pesado pode levantar o firme", explicou Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín.

A esta problemática engádese a dos traballadores das empresas da zona, que necesitan transportar materiais pesados e non teñen outra vía que non sexa a estrada de Cernego. Para iso, dende o concello mantiveron varias reunións cos empresarios para informarlles de era necesario depositar un aval en caso de ter que atravesa-la vía con vehículos de gran tonelaxe. Medida que desbotan dende o sector empresarial considerando que o Concello de Vilamartín non lle devolverá o aval. O alcalde aclarou que "se as estradas quedan como é debido pois claro que se devolven os avales". De continuar a situación así e se as empresas seguen a ignorar a sinalización, o equipo de goberno verase na obriga de pedir a intervención da garda civil. "Non queremos fastidiar a ninguén, só que fagan caso desa sinal e que pasen polo concello para falar con nós", sinala o rexedor.

Nos catro últimos meses Vilamartín leva máis de 7.000 euros gastados en parchear a estrada, que necesita dun dobre tratamento cuxo presuposto supera ás arcas do concello. "Falamos dun presuposto de máis de 40.000 euros dos que non dispoñemos".

Álvarez Barreiro asegurou que pedirán axudas ás administracións públicas, pero confesou que non confía en que lle sexan concedidas: "Paréceme que non a todos se nos atende igual. Entendo que as deputacións están para arranxar os problemas dos concellos pequenos neste tipo de cousas, e non para gastar un millón de euros nun polideportivo".