"O PP terá unha voz nos plenos", asegura Ferradal sobre a asuencia dos concelleiros en Vilamartín

"Non me parece normal que non acudan aos plenos". Así valoraba o responsable comarcal en funcións do Partido Popular en Valdeorras, Avelino García Ferradal, a ausencia dos concelleiros do Partido Popular nos plenos de Vilamartín. No último, celebrado o xoves pasado, o alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez Barreiro, aprobaba en solitario os presupostos deste ano e a dedicación exclusiva do alcalde. Ningún edil da oposición acudía a sesión plenaria.

García Ferradal mostraba respecto pola decisión da concelleira e ex alcaldesa María Jesusa Candal "respecto á persoa e aos motivos que a levan a non acudir aos plenos. Comparto parte dos motivos que a levan a tomar esta decisión, pero non deixa de ser unha decisión media". Á vez que aseguraba que "o partido necesita voz en Vilamartín e o xoves era o momento de atacar eses presupostos e rebater a decisión do alcalde".

Os motivos que alegou a concelleira son motivos persoais que, parece, teñen que ver coas acusacións do público que acude aos plenos. Este medio intentou poñerse en contacto con Candal, pero sen éxito.

O responsable comarcal avanzaba que o vindeiro xoves terá unha xuntanza co presidente provincial do partido, José Manuel Baltar, para tomar unha decisión e tratar de solucionar a situación. "A valoración faraa o propio presidente, pero unha decisión hai que tomar. Vilamartín terá unha voz pública facendo oposición que é o que os votantes nos dixeron que temos que facer", recordou García.