O coronavirus deixa a Vilamartín sen os Cantos de Taberna
A celebración do Entroido está no aire e de facerse desde a Asociación e Folión Os Viticultores cren que non será o mesmo
Este sábado, 17 de outubro, estaba previsto que se celebraran os «Cantos de Taberna» en Vilamartín de Valdeorras pero por mor da Covid-19 non se levará a cabo a xuntanza de folións.
Esta sería a terceira edición, recordar que a primeira facíase coincidir ca Festa das Sopas de Allo, no mes de febreiro pero como di a presidenta da Asociación Os Viticultores de Vilamartín, Begoña Vega, decidiron cambiala para o mes de outubro. «Como nos era moito xunto decidimos facela no mes de outubro, pero este ano a data prevista non pode ser pola situación que temos», aseguraba na conversa mantida. Co cambio de data de febreiro a outubro desligábase así da celebración gastronómica para gañar autonomía e que os cantos cobraran maior protagonismo.
Reunida a directiva decidiron que se farán «cando a situación o permita e sexa seguro para todos». A data non está acordada pero, de seguro que en canto se poda, volveranse a xuntar para andar de parranda polas rúas da vila. «A xente goza moito cos cantos de taberna, se non é no mes de outubro será en maio en xuño ou cando se poda. Isto estase a complicar cada vez máis», afirmaba. Retomarase a data cando se teña unha certa seguridade de que non haxa contaxio e todos o podan pasar ben sen medos.
En anos anteriores participaron nos «Cantos de Taberna» agrupacións musicais como: Os Tabernícolas, Os Parranda», Os Trabazos, Son de Trives, As Macizas Centrais e Os Palleta, entre outros. O evento, organizado pola Asociación e Folión Os Viticultores coa colaboración do Concello os tres establecementos hostaleiros perseguiu darlle vida á vila durante unhas horas, animar ó pobo e propiciar unha xornada de encontro, pero este ano non vai poder ser.
Chamamento a novos asociados
Begoña Vega tamén fixo un chamamento á xente para que se una a tocar no folión. «Xa está aberto o prazo de novas inscricións». Este ano como, e como novidade, os dous bombos que ten a asociación deixaranse aos novos, con opción para que proben.
O colectivo conta cunha trintena de asociados, sen contar os nenos, e botan en falta os ensaios e verse segundo aseguraba Vega. «Síntese unha gras tristeza por non podernos xuntar e non so co folión se non en todos os ámbitos da vida», declara.
Un Entroido diferente
A presidenta da asociación non agacha o temor a que non se poida celebrar o Entroido e de facelo non sería como sempre. «Falei cos presidentes doutros folións á vista do que poida pasar en Carnaval, porque claro o ano pasado comezamos a preparar o Entroido en outubro. Este ano está todo paralizado, estamos todos ca opinión de que non se poderán facer desfiles con outros folións», subliñaba ao respecto. «Se non se pode tocar en Carnavales a ver si se toca no verán», engadía.
Se queres escoitar a conversa que mantivemos con Begoña Vega fai click na seguinte ligazón: