Unha tarde de viños, gastronomía e festa na I Ruta das Airas de Córgomo (Vilamartín)
Unhas 800 persoas participaron na I Ruta das Airas de Córgomo, un evento que converteu as rúas desta poboación de Vilamartín nunha auténtica festa de cultura, enoloxía, gastronomía e moita música o sábado 19 de xullo. Desde a tarde ata a noite, a localidade encheuse de vida e ganas de desfrutar, cunha proposta que combidou a degustación de viños da DO Valdeorras (mencía, godello e rosado) nun entorno cun gran patrimonio.
A iniciativa, promovida por Jorge Guitián e Víctor Fernández, tiña como obxectivo amosar que Valdeorras tamén ten moito que ofrecer en verán. Con esta idea en mente, organizaron un percorrido polas dez airas repartidas por todo o pobo, onde os asistentes, con pulseira e cunca na man, poideron degustar os viños das principais adegas de Córgomo: Guitián e Branco, de D’Berna, así como Santa Marta, de Viñaredo e Pedragal. A cada punto de encontro, os participantes achegábanse para coñecer máis sobre as diferentes variedades de viño, desfrutar do ambiente e compartir momentos especiais con amigos e familiares.
Pero a experiencia non se limitou só aos viños. A oferta gastronómica foi moi variada, con calimocho, sangría e unha ampla gama de petiscos que satisfixeron todos os gustos. Desde pancetada ata paella popular, pasando por postres tradicionais, todos os asistentes podían gozar dunha comida deliciosa mentres desfrutaban do bo ambiente.. A alegría e o bo humor estiveron garantidos, creando un clima de convivencia e celebración que se estendeu durante toda a tarde e noite.
A música foi outro dos puntos fortes do evento. Durante o percorrido, as Parrandas de Córgomo e a charanga TDB animaron as rúas con música en vivo. As súas actuacións contribuíron a que a xente se movese, bailase e disfrutase ao máximo da festa. Xa de noite, tras o peche dos stands, a praza principal converteuse nun escenario para os DJs Jorge Blanco e Alejandro, que puxeron o broche final a unha noite inesquecible.
En definitiva, unha celebración que conseguiu unir enolóxia, gastronomía e música nunha proposta que promete repetir e seguir crecendo nos vindeiros anos. Unha oportunidade perfecta para coñecer o patrimonio de Valdeorras, desfrutar dos seus viños e vivir unha experiencia diferente.