viernes. 19.04.2024
portada

Esta semana o Concello de Vilamartín de Valdeorras ten programada a colocación da decoración de Nadal na rúa principal, feito que aproveitarán “para colocar tamén os novos bancos que se pediron á Deputación Provincial porque os que tiñamos estaban en condicións inadecuadas”, explica o alcalde da vila, Enrique Barreiro. Insiste o rexedor que este problema ven de lonxe, “fai sete ou oito anos que os bancos están rotos pero só vemos os problemas cando non gobernamos” apunta, en referencia á queixa que deixou o concelleiro Xosé Pinto reclamando o cambio do mobiliario estropeado.

Explica Barreiro que a Concellaría de Medio Rural do concello de Vilamartín “leva feito moito pola reposición dos bancos en mal estado”, posto que dende que chegaron á alcaldía, fai dous anos, levan cambiado “preto de 40 bancos” e incluso “os fines de semana, algún concelleiro traballa na reposición dos mesmos no seu taller”. Desta vez, o concello mercou dez bancos, para repoñer cinco ou seis no núcleo de Vilamartín “e algún máis para os pobos”, porque di, “que os pobos tamén existen e sempre se deixan para o último así que nós invertimos a balanza”.

Ademáis dos bancos, tamén quere o concello repoñer algunhas papeleiras en algunhas zonas do concello, que “xa as temos dispoñibles e no momento que podamos as colocaremos tamén”.

En canto a decoración de Nadal deste ano, Barreiro conta que “o concello mercará algunha máis para intentar chegar á maior parte de pobos posible”. Explica o rexedor que o ano pasado “gastamos entre 1.600 e 1.700 euros en mercar luces led que podemos reutilizar todos os anos” en contraposición co que se viña facendo ata agora, que “se gastaba da orde de 4.000 ou 5.000 euros cada ano para pagar a unha empresa para que adornase o concello”.

A decoración na vila poderase ver no centro de Vilamartín, e para completala, o alcalde quere que se adorne “o pino que está situado na entrada do pobo, facendo partícipes aos rapaces do colexio e a asociación ASFAVAL”.

Novo mobiliario e decoración de Nadal para as rúas de Vilamartín