Eva Arias: «Se algún día me arrancan desta terra, sangrarei viño»

A atleta e política reivindicou as súas raíces, o valor das covas como patrimonio e o orgullo polos viños de Valdeorras durante o inicio da XXVIII edición da celebración

A Festa das Covas de Vilamartín xa está en marcha. A tradicional «Pequena», reservada para os coveiros e que cada ano serve de antesala á gran festa do sábado, reuniu este venres a centos de persoas entre viño, petiscos e música, nun ambiente amenizado por tres charangas, que percorreron as covas acompañando aos asistentes mentres compartían mesa, conversa e brindes.

somoscomarca_vilamartin_festadascovas_apequena2927

O momento máis significativo da tarde chegou co pregón pronunciado pola atleta e política Eva Arias, que converteu a súa intervención nunha auténtica declaración de amor á terra que a viu medrar.

Eva Arias antes de dar levctura a o pregón

«Non vos vou enganar cando vos digo que me sinto moi orgullosa de ter o privilexio de ser a pregoeira destas festas, porque aquí, no Concello de Vilamartín de Valdeorras, é onde me criei», comezou dicindo ante veciños e coveiros, agradecendo á Asociación de Coveiros a confianza depositada nela para abrir esta XXVIII Festa das Covas.

Durante o pregón, Arias lembrou a súa infancia en San Miguel de Outeiro, asegurando que, por moi lonxe que a leven a súa vida profesional e persoal, Vilamartín seguirá sendo sempre o lugar ao que quere volver.

«Aquí podo ser a Eva máis auténtica de todas», afirmou emocionada, antes de lembrar á súa familia e, de maneira especial, ao seu padriño Pedro, coveiro e gran coñecedor dunha tradición que segue moi presente na súa memoria.

A atleta utilizou tamén unha fermosa metáfora vinculada á viticultura para falar das persoas. Comparou as raíces dunha vide coas das familias e agradeceu aos seus pais «a púa» que lle enxertaron, a que lle permitiu construír unha carreira deportiva na que conquistou máis de vinte medallas nacionais e numerosas internacionalidades coa selección española, sen esquecer nunca de onde procede.

«Os nosos viños son os mellores embaixadores»

O viño foi outro dos grandes protagonistas do seu discurso. Eva Arias reivindicou a calidade dos viños de Valdeorras e pediu aos veciños que deixen de restar importancia ao que se produce na comarca.

«Ás veces temos que deixar un pouco de lado esa modestia que nos caracteriza e darlle ás cousas a importancia que realmente teñen», afirmou, convencida de que variedades como o godello e a mencía son xa referentes internacionais.

Como exemplo contou unha anécdota vivida durante unhas xornadas en Logroño, onde, tras participar nunha cata de viños, defendeu diante dos asistentes que «como o godello da Denominación de Orixe Valdeorras non hai outro», provocando que incluso os organizadores acabasen recoñecendo a calidade dos viños da comarca.

As covas, moito máis ca un lugar para beber viño

No seu discurso tamén puxo en valor o papel das covas como espazos de encontro e convivencia. «As covas son os nosos centros socioculturais», afirmou entre sorrisos, lembrando que nelas se compartiron segredos, se pecharon acordos e conviviron distintas xeracións moito antes de que existisen palabras como coworking ou refuxios climáticos.

Arias asegurou que este patrimonio forma parte da identidade de Vilamartín e mesmo chegou a afirmar que algún día as covas e a súa festa «merecen ser Patrimonio Cultural da Humanidade», facendo un chamamento a conservar esta tradición e transmitila ás novas xeracións.

«Se algún día me arrancan desta terra, sangrarei viño»

O pregón concluíu cunha das frases que máis aplausos espertou entre o público. «As miñas raíces son desta terra. Se algún día me arrancan dela... sangrarei viño», proclamou antes de pedir varios vivas para os veciños, os coveiros, o viño e a Festa das Covas.

Dobre homenaxe na «Pequena»

A celebración serviu tamén para render homenaxe a dúas persoas moi vinculadas á festa, un como colaborador e outo coma coveiro.

A Asociación de Coveiros distinguiu ao exalcalde Enrique Álvarez Barreiro, ao que definiu como un colaborador incansable da Festa das Covas, e ao coveiro Agustín Fernández Núñez, un recoñecemento que foi recollido polo seu irmán Andrés ao non poder asistir ao acto.

Co pregón, as homenaxes e o ambiente festivo da «Pequena», Vilamartín abriu oficialmente unha nova edición da Festa das Covas, que este sábado volverá reunir milleiros de persoas arredor do viño, da gastronomía e dunha tradición que continúa sendo un dos grandes sinais de identidade do municipio.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado