Enrique Á. Barreiro: «En Valdeorras falta conciencia de Camiño»
O Camiño de Inverno é cada día máis coñecido e máis transitado. Moitos son os peregrinos que aproveitaron o bo tempo do verán para achegarse a nosa terra e percorrelo, e cada vez máis, atópanse camiñantes durante todo o ano. Tamén son cada vez máis os colectivos que se interesan por esta ruta, os centros de ensinanza que programan saídas para coñecer o seu percorrido, a súa historia. Pero en Valdeorras aínda falta «conciencia de Camiño».
Así o cree Enrique Álvarez Barreiro, o alcalde dun dos municipios polos que pasa esta ruta, Vilamartín de Valdeorras. «Cada día que pasa son máis os peregrinos que veñen e na súa aventura preguntan aos valdeorreses, os anfitriones, por onde deben continuar, onde poden pararse a comer algo ou pernoctar, e moitos veciños non coñecen as respostas», explica o rexidor. Para Álvarez Barreiro, «tan importante como ter infraestructuras, é que a xente da comarca saiba que temos un Camiño» e, partindo do coñecemento, «faga gala da súa hospitalidade cos que nos visiten de fóra».
Admite o alcalde de Vilamartín que «aínda estamos á espera do que diga Patrimonio» con respecto á definición do trazado, pero mentres ese recoñecemento chega, «non se pode negar que a ruta é nosa, que pasa por O Barco, Vilamartín e A Rúa», e que incluso hai variantes, «coma a que contempla a Serra da Enciña da Lastra en Rubiá, polas que tamén se debe pelexar». Por cada lugar que os camiñantes fagan Camiño, debemos estar dispostos a recibilos, «a convidalos a coñecer a nosa gastronomía, as nosas festas, para que ao final da súa viaxe, queran volver».
Albergue de Vilamartín
Na comarca tamén estanse a dar pasos en materia de alternativas que ofrecer aos camiñantes para o seu aloxamento. En Vilamartín, posúen xa un albergue recén estreado, operativo para todo o que queira aloxarse e co visto bo de Turismo. A falta de facer un día de portas abertas, tanto peregrinos coma turistas poden xa facer uso das súas instalaciones. «Trátase dunha edificación nova, non é unha rehabilitación dunha edificación singular, pero ten todas as cousas necesarias para que os que veñan, se sintan cómodos», conta Barreiro.