Córgomo Arte renace: “Gromos” abre unha nova edición marcada pola reflexión e a forza da terra
Este 6 de novembro abre as súas portas “Córgomo Arte XIII: Gromos”, unha edición que chega impregnada de reflexión, dor e, sobre todo, esperanza. Tras un verán no que Galiza ardeu —e no que Vilamartín de Valdeorras sufriu de maneira especialmente cruel— o equipo de Córgomo Arte decidiu tomar distancia e repensar o seu camiño. A proximidade do lume ás instalacións do proxecto, onde cada ano a arte toma a palabra, empurrou a organización a volver ao principio, a ese lugar onde a creación nace da terra e retorna a ela.
“«Ardeu a terra e ardemos nós»”, lembran desde a organización, asumindo que o acontecido interpela a todas. A aposta desta edición é regresar á esencia: só Conde e Torino, Manolo e Victorino, os impulsores primixenios do proxecto, darán forma a un espazo que busca, unha vez máis, falar do que importa desde o rural baleirado, mais vivo.
Dentro da exposición hai unha peza feita coa madeira do monte queimado «un esquelete que é como pudemos estar todos despois daquel lume», afirma Torino. A obra do de Carballal rodéase duns gromos que son a ida que sae da terra.
As súas esculturas, definidas hai nove anos como “«telúricas e primitivas, corpos que agromaban da terra como semente orixinal»”, recuperan agora un significado renovado. A madeira que empregan, nacida dos montes que viron arder, converte cada peza nun acto de resistencia e de renacemento. “Gromos” reivindica así a forza cíclica da natureza e a necesidade de repensar colectivamente o mundo que queremos deixar ás crianzas.
En sinal de respecto e solidariedade coa veciñanza afectada polos lumes, nesta edición non haberá acto inaugural. A exposición poderá visitarse igualmente as fins de semana e festivos, de 10:00 a 22:00 h., ata o 6 de xaneiro, nun espazo aberto a quen queira achegarse e compartir esta volta á raíz.
A comisaria, Silvia Fiallega Lorenzo, pecha a convocatoria cunha certeza que atravesa todo o proxecto: a arte tamén se ergue das cinzas.
En Córgomo, onde o lume rozou a casa e a esperanza tamén prendeu forte, os gromos volven saír. E esta vez fan da arte un xesto de vida.