O Concello de Vilamartín reabrirá o albergue
Así o confirmou o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, que espera que a reapertura teña lugar antes do verán para dar servizo aos peregrinos que realicen o Camiño de Inverno o antes posible.
Estas instalacións municipais foron pechadas fai varias semanas polo propio concello debido ás esixencias impostas por Turismo de Galicia. O albergue non cumpría cos requisitos mínimos tales como a necesitade de estar dotado de calefacción, dispoñer dunha pequena cociña e sala de estar ou ser totalmente accesible. Ademais, será necesario a apertura de algunha ventá a maiores.
O concello xa realizou unha memoria valorada para o proxecto da reapertura do albergue que cifran nuns 27.000 euros. Álvarez Barreiro explicou que para realizar a reforma necesaria das instalacións botarán man da subvención AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), valorada en 50.000 euros que se lle outorga a todos os concellos da zona.
O plantexamento dos traballos de acondicionamento procuran dotar ao albergue dunha capacidade de oito prazas con baños separados para homes e mulleres, unha sala de estar, unha pequena cociña e tamén un almacén, ademais de dotar ás instalacións de calefacción. Nos próximos días a memoria será enviada a Turismo de Galicia para que dean luz verde ao proxecto e abrilo ao público coa máxima brevidade posible.
A necesidade de contar con máis albergues na comarca é unha petición que a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago ao seu paso por Valdeorras levan a facer dende fai moito tempo. A noticia do peche deste albergue supuxo un paso atrás nas aspiracións desta Asociación que busca que se incrementen os albergues neste tramo do Camiño, xa que o de Vilamartín é un dos catro únicos albergues que se atopan entre Ponferrada e Quiroga.