Besteiro reclama á Xunta accións «inmediatas» para garantir o abastecemento de auga en Vilamartín
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu este luns á Xunta de Galicia unha resposta «inmediata, seria e á altura da gravidade da situación» que atravesa Vilamartín de Valdeorras tras os incendios do verán. O municipio, segundo afirmou, converteuse «na zona cero da vaga de lumes e tamén da incompetencia do PP» ao continuar meses despois con problemas vinculados ao abastecemento de auga.
Besteiro sinala que a veciñanza leva demasiado tempo asumindo «consecuencias moi duras» mentres o Goberno galego permanece «paralizado», sen activar nin as obras urxentes nin a planificación necesaria para garantir un subministro seguro. «Vilamartín necesita respostas xa. Non mañá, non a semana que vén. Necesítaas agora», advertiu.
O líder socialista reclama que a Xunta poña en marcha de maneira inmediata dúas intervencións que cualifica de «prioritarias e inadiables». A primeira é o inicio das obras nas Estacións de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Vilamartín e de Arcos–Valdegodas, actuación que considera «a prioridade absoluta» debido ao risco «evidente e inasumible» de interrupcións no subministro. «Non é normal que o Concello continúe pendente de que o PP decida cando actuar», indica, insistindo en que esta situación resulta inadmisible para unha poboación que leva meses sufrindo as consecuencias da falta de intervención.
A segunda demanda ten que ver coa planificación a medio prazo: Besteiro insta á Xunta a activar de forma urxente a redacción do proxecto integral de reconstrución e do proxecto de interconexión das captacións de auga. Segundo explica, estes documentos técnicos son «imprescindibles» para asegurar un subministro alternativo e unha recuperación con garantías.
Os lumes de agosto deixaron en Vilamartín unha das maiores pegadas da comarca, afectando non só á superficie queimada, senón tamén a captacións, infraestruturas básicas e zonas sensibles para o abastecemento. «Ese impacto non rematou cando se apagaron as lapas», lembra Besteiro, quen alerta de que o municipio vive desde entón nunha situación de «vulnerabilidade permanente» no que respecta á seguridade hídrica.
O secretario xeral do PSdeG lamenta que, malia as promesas realizadas polo Goberno galego, non se teñan producido pasos efectivos para avanzar nestes proxectos. «Non pode haber máis improvisación nin máis abandono», afirma.
Besteiro conclúe pedindo á Xunta «a responsabilidade institucional que lle corresponde» para evitar que se prolongue «unha situación inxusta e insostible para un territorio golpeado polo lume e desatendido pola administración autonómica».