A VIII edición da ViBoMask enxalzará a tradición do medio centenar de territorios

A VIII edición da ViBoMask enxalzará a tradición do medio centenar de territorios
A cita desenvolverase do 17 ao 19 de marzo, en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, cun variado programa de actividades que inclúe charlas, actuacións, exposicións e conferencias

A VIII edición de ViBoMask continuará a enxalzar a tradición e historia etnográfica dos territorios que se dan cita nesta manifestación cultural a través dos seus grupos de mascaradas. Esta nova edición celebrarase do 17 ao 19 de marzo, nos municipios de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, cun variado programa de actividades que inclúe charlas, actuacións, exposicións, conferencias, en definitiva, unha ampla e variada programación para achegar a todos os estamentos da sociedade o seu valor cultural.

O programa de actividades comezará o venres, 17 de marzo en Viana do Bolo, ás 12.00 horas, coa conferencia impartida polo fotógrafo Pedro G. Losada e o artesán de máscaras de Entroido, Xosé Manuel Seixas, no IES Carlos Casares. Ás 17.00 horas, terá lugar a inauguración da exposición "O Entrudio de Viana do Bolo no tempor", na sala de exposicións do Concello.

E, para rematar a xornada, ás 20.00 horas haberá foliada polas rúas e bares de Viana na que participarán: As Travesas da Mezquita, As Xeitosiñas de Baltar, a Banda de Gaitas de Vilariño de Conso, Comando, Morrazo, Charanga Alegría, Dulzaineros de Velilla de la Reina, Pastores de Casavieja, Tabernícolas e o Trío Motobomba.

Ao día seguinte, o 18 de marzo, continúan as actividades en Viana do Bolo a partir das 12.00 horas con "ViBoMarket", un mercado de produtos típicos e artesanais que estará instalado na zona da Praza Maior. Media hora despois, comezará a sesión vermú que estará amenizada pola Charanga Fuego.

O prato forte do día comezará ás 16.45 horas co desfile do VIII Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask que fará un percorrido que abrangue o campo da feira, a rúa Toural, a rúa San Roque, a Praza Maior e rematará na rúa das Mazairas. Xa pola noite, a partir das 23.00 horas, será a quenda para o ViBoMusic coas actuacións dos grupos musicais Nova Era, Guezos e SkaloPndras, na praza Maior.

O domingo, 19 de marzo, as actividades trasladaranse ao municipio de Vilariño de Conso, onde a partir das 10.30 horas comezará o ViBoMarket na zona da praza Maior e rematará ás 11.45 horas co desfile das mascaradas desta edición polas rúas do concello.

Os grupos que participarán nesta VIII edición do ViBoMask proceden de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela A-Mancha, País Vasco; e de Portugal, virán de Bragança e de Viseu.