PSdeG-PSOE e BNG acordan gobernar xuntos en Viana do Bolo con alcaldía rotatoria
O Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) acadaron un acordo de goberno en Viana do Bolo para o período 2025-2027, co obxectivo de «garantir a estabilidade política e mellorar a xestión municipal».
O pacto establece unha alcaldía rotatoria: o socialista Germán García-Ávila exercerá o cargo ata o 18 de agosto de 2026, e a partir de aí será a quenda dun representante do BNG ata o final da lexislatura.
Con todo, a nota non especifica quen será o alcalde por parte do BNG, un punto que fora o maior escollo das negociacións.
Para garantir unha xestión equilibrada, crearase tamén unha xunta de goberno local paritaria, formada por dous membros de cada grupo.
O acordo chega tras unha etapa de bloqueo institucional e compromete ás dúas forzas a votar a favor das propostas da alcaldía en cada momento e a compartir ao 50% a xestión dos remanentes de tesourería.
Socialistas e nacionalistas coinciden en que Viana do Bolo necesita un goberno coordinado para facer fronte a problemas estruturais como o envellecemento da poboación, a perda demográfica, a mellora dos servizos públicos e a revitalización do rural.
Ambas formacións subliñan que este pacto representa un «novo modelo de xestión municipal, baseado na transparencia, a participación cidadá e o desenvolvemento sustentable, deixando a un lado intereses partidistas e priorizando o benestar da veciñanza».
Este acordo supón ademais desbancar a Andrés Montesinos, do Partido Popular, quen ata agora ostentaba a alcaldía.
Os asinantes do acordo destacan que o obxectivo é conformar «un goberno estable que responda ás demandas da veciñanza e faga realidade o cambio reclamado pola xente de Viana do Bolo».O testo foi asinado por Germán Aurelio García-Ávila Arias, María Ángeles Alonso Veleda, Benigno Basalo Afonso e Isaac Pérez Vidueira por parte del PSdeG-PSOE; e por Secundino Fernández Fernández, José Antonio Alfonso García, Graciela Diéguez Rodríguez e Miguel Méndez Comunhas en representación do BNG.