Morre un home nun accidente de tractor en Viana do Bolo
Un home faleceu na tarde deste venres tras sufrir un accidente co seu tractor no municipio de Viana do Bolo. O sinistro tivo lugar nunha pista de terra situada no lugar de Bouza, na parroquia de Pexeiros.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, foi o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quen deu aviso do ocorrido poucos minutos antes das sete da tarde. Xa desde un primeiro momento, os alertadores indicaban que o implicado podería estar falecido.
Ata o lugar desprazáronse de inmediato os servizos de emerxencia, que tiveron que intervir para liberar á vítima, xa que se atopaba atrapada por unha das rodas do tractor. Unha vez excarcerado, só se puido confirmar o seu falecemento.
O alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, atópase nestes intres na zona, onde se agarda a chegada dos servizos xudiciais
No operativo participaron, ademais dos servizos sanitarios, efectivos do GES da Gudiña, axentes da Garda Civil e a Policía Local de Viana do Bolo.
O suceso volve poñer de relevo os riscos asociados aos traballos agrícolas, especialmente en zonas de difícil acceso como pistas forestais ou camiños de terra.