Germán García-Ávila será o novo alcalde de Viana tras a moción de censura ao PP
O voceiro do PSdeG-PSOE, Germán García-Ávila, asumirá a alcaldía de Viana do Bolo tras a moción de censura presentada onte contra o popular Andrés Montesinos. O acordo, asinado co BNG, establece «un goberno monocolor»: primeiro un ano para os socialistas e, a partir de agosto de 2026, a alcaldía pasará aos nacionalistas.
Segundo o acordo alcanzado, cada grupo político exercerá a alcaldía por un ano, mentres o outro se encargará de apoiar as decisións municipais. Neste primeiro período, será o PSOE quen lidere a política local, e a partir do 18 de agosto do vindeiro ano, a alcaldía pasará ao BNG tras a renuncia formal do rexedor socialista e a posterior elección en pleno do nacionalista.
A coordinación entre ambas formacións materializarase tamén na Xunta de Goberno Local, na que estarán representados con dous membros cada unha das partes, garantindo así un seguimento compartido das políticas municipais.
Un dos puntos clave do pacto refírese aos remanentes de tesourería: calquera decisión sobre o seu uso deberá ser consensuada, repartindo o poder de decisión nun 50% para cada forza.
Ademais, o grupo que non estea no goberno municipal manterá a posibilidade de facer propostas de carácter local e mesmo de exercer unha crítica construtiva ao executivo en función.
O obxectivo declarado deste acordo é dar un novo rumbo ao concello, apostando por unha xestión que atenda tanto os grandes proxectos estratéxicos como as pequenas necesidades cotiás da veciñanza, garantindo igualdade de dereitos e unha atención próxima.
Conscientes de que o tempo de goberno é curto —un ano por forza—, ambas partes comprométense a traballar «en positivo» para aproveitar ao máximo o mandato compartido e impulsar un cambio de aires na política municipal.
O pleno extraordinario que ratificará a moción de censura está previsto para o próximo 5 de setembro, ás 12:00 horas. A partir desa data, Germán García-Ávila converterase oficialmente en novo rexedor de Viana do Bolo.
Germán García-Ávila: «Chegou o momento de dar un paso adiante por responsabilidade coa veciñanza de Viana»
García-Ávila explicou a Somos Comarca as razóns polas que se chega a este pacto despois de dous anos de lexislatura: «Todo o mundo se preguntará por que perdemos todo este tempo, que foi unha mágoa. Había relacións políticas e persoais que non eran as mellores, e durante a campaña electoral houbo estratexias que nos ofenderon. Cando non hai “feeling” entre as persoas, é máis complicado chegar a acordos».
O socialista recoñeceu que o cambio de postura responde á presión cidadá: «Moita xente preguntábanos que estabamos a facer. Consideraban que o Concello non estaba ben xestionado e culpábanos tamén a nós, como parte da esquerda. Por iso decidimos ceder, renunciar a aspiracións lóxicas e mesmo a parte do noso orgullo por un ben maior: mellorar a vida da veciñanza».
O voceiro socialista lembrou que no seu día comprometeuse a non gobernar co candidato nacionalista, ao que atribuía tensións pasadas: «Prometín aos nosos votantes que non ía gobernar con el. O que se acordou agora é un pacto claro: gobernos monocolor, con apoios puntuais, sen reparto de poder».
Moi crítico co executivo de Montesinos, sinalou: «Non entendemos que houbera unha xestión transparente. Había partidas orzamentarias que se movían dun capítulo a outro sen a necesaria aprobación en pleno. Iso pode que non sexa ilegal, pero desde logo é unha falta de xestión».
Sobre os orzamentos aprobados no mes de xullo, García-Ávila puntualizou: «Están vixentes, pero non executados. Non se licitou nada, non se abonaron subvencións pendentes. Para nós, iso é unha mostra máis de ineficacia».
Respecto aos primeiros pasos tras asumir a alcaldía, García-Ávila sinalou: «Aplicaremos o noso programa electoral, que entendemos como un contrato coa cidadanía. Algúns proxectos estrela, como o centro de día ou o paseo entre as pontes, quedarán aparcados por falta de tempo, pero se contamos co apoio futuro, levaranse a cabo si ou si».
No inmediato, o socialista puxo o foco en mellorar a convivencia e ordenar o municipio: «Viana é un pobo cun entorno privilexiado, pero no interior hai caos. Temos que aplicar as ordenanzas xa aprobadas, regular terrazas, aparcadoiros e vida diaria, para que sexa un lugar habitable e presentable. Ademais, queremos crear un clima político distinto, afastado dos enfrontamentos que se ven a nivel estatal. Aquí todos nos coñecemos, non podemos vivir instalados no odio nin no insulto».
Secundino Fernández (BNG): «Chegamos a un acordo por responsabilidade coa veciñanza de Viana»
O voceiro do BNG no Concello de Viana, Secundino Fernández, explicou os motivos que levaron ao Bloque a pechar un acordo de goberno con outras forzas políticas tras dous anos de negociacións interrompidas. Subliñou que a decisión vén motivada polo «esgotamento da veciñanza ante a deriva autoritaria e a mala xestión do Partido Popular».
«A actuación política do Partido Popular dexenerou durante todo este tempo», afirmou Fernández, quen acusou ao alcalde de incumprir ordenanzas, ignorar acordos plenarios e manter unha «deriva autoritaria» que impediu o diálogo cos grupos da oposición. Entre os exemplos citados, destacou a negativa a convocar plenos extraordinarios solicitados pola corporación, o bloqueo ao Servizo de Axuda no Fogar e o atraso sistemático na presentación dos orzamentos.
Para o BNG, esta situación desembocou nun «caos administrativo» que afectaba directamente á veciñanza: «Non se atendían nin os problemas pequenos nin os grandes. Había un déficit democrático, falta de transparencia e trato discriminatorio cara aos veciños». Ante iso, Fernández sostén que as forzas progresistas se viron «na obriga moral» de chegar a un acordo que puxese fin ao bloqueo institucional.
Sobre se será el quen asuma o bastón de mando, Fernández non pecha a porta, mais deixa claro que a decisión aínda non está tomada: «Temos que valorar se é mellor para Viana e para a comarca que continúe como deputado no Parlamento galego ou que dea o paso de asumir a Alcaldía». O voceiro lembra que a súa acta de parlamentario é incompatible legalmente co cargo municipal, e que sería unha «perda importante» renunciar á representación comarcal en Santiago.
En todo caso, defendeu que o BNG conta cun equipo experimentado para liderar o Concello: «Os tres concelleiros temos experiencia de goberno e de xestión. Calquera de nós está preparado para exercer a Alcaldía».
Reivindicou o pacto como un exemplo de responsabilidade política: «Deixamos de lado cuestións programáticas e intereses partidistas para responder ao mandato da cidadanía». O obxectivo, subliñou, é garantir estabilidade e recuperar a confianza da veciñanza: «O que non podía seguir era un goberno en minoría actuando como se tivera unha maioría absoluta».Co novo acordo, o BNG espera abrir unha etapa de maior diálogo e coordinación institucional en Viana do Bolo.
Andrés Montesinos (PP): «Fan isto por interese electoral, pero deséxolles sorte polo ben do pobo»
O alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos (PP), reaccionou á moción de censura presentada polo BNG e o PSOE cun ton crítico, aínda que asegurou aceptar a situación con «deportividade».
Segundo o rexedor popular, os dous grupos da oposición «levan dous anos torpedeando a acción de goberno» e só agora decidiron pactar «por cuestións de votos e interese electoral». Montesinos defendeu que, malia as dificultades, o seu equipo conseguiu aprobar os orzamentos e avanzar na xestión municipal.
O alcalde tamén quixo remarcar que, durante o seu mandato, contou co apoio dos concelleiros do PP e criticou a ausencia de colaboración por parte da oposición. «Cando nós estivemos, estivemos todos unidos; eles, en cambio, nunca apareceron», sinalou.
Aínda así, Montesinos evitou o ton de confrontación e concluíu cun desexo: «O pobo merece todo, así que lles desexo sorte para que o concello funcione». Tamén anunciou que o seu partido xa pensa nas próximas eleccións municipais, nas que aspira a recuperar a confianza de máis veciños.