David Álvarez: «Para min, o Entroido é unha paixón que vivo todo o ano»
David Álvarez González foi elixido como gañador do cartel do Entroido 2025 de Viana do Bolo, un recoñecemento que lle enche de orgullo e emoción. Nesta entrevista, comparte o significado do seu deseño, a súa paixón polo Entroido e como a súa creatividade está marcada pola esencia desta festividade. Ademais, reflexiona sobre a importancia dos elementos tradicionais, a influencia do estilo de Castelao na súa obra e a experiencia de vivir o Entroido dende dentro, tanto como artista como participante activo.
Somos Comarca: David, que significa para ti ser o gañador do cartel do Entroido deste ano?
David Álvarez: Para min é un orgullo moi grande, porque levo vivindo o Entroido desde sempre. Encántame e, de feito, podería dicir que paso todo o ano esperando a que chegue. Ás veces pode ser case unha tortura, pero é algo que me sae de dentro.
S.C.: Es de Viana?
D.A.: Si, son de aquí, de Viana.
S.C.: En que folión participas?
D.A.: No Alternativo.
S.C.: O Alternativo dáo todo, eh? Non me estraña que o cartaz sexa tan chamativo. Ten cores moi vivas e, por suposto, o Boteiro como protagonista, cunha composición que recorda a unha viñeta. Cóntanos un pouco como foi o proceso de creación.
D.A.: Sempre me chamou a atención o estilo de Castelao, as súas caricaturas e escenas que parecen viñetas. Entón ocorréuseme seguir ese concepto, dividir a composición en recadros e logo pensar que personaxes e elementos incluír. O Boteiro tiña que ser o protagonista, pero despois fun engadindo outros símbolos representativos.
S.C.: No cartaz hai tres elementos principais ademais do Boteiro: a aixada e o bombo, a androlla, a torre do castelo, que vos identifica como vianeses.
D.A.: Claro! Sen aixada e sen bombo non hai Entroido, por moito que haxa Boteiro. Ademais, a torre do castelo é un emblema de Viana. Podería engadir moitos máis elementos, como a fariña ou as comparsas, pero quizais quedase demasiado recargado.
S.C.: E os pés que aparecen, que representan?
D.A.: Representan á Mula, un personaxe do Entroido de Viana. Dentro dela van dúas persoas, por iso a representei dese xeito.
S.C.: En definitiva, captaches a esencia do Entroido.
D.A.: Si, para min si. Como che dicía antes, o Boteiro é a figura principal, e quixen destacar a forza e o movemento a través das cores e as formas.
S.C.: Ti xa pintabas antes? Como foi o teu proceso creativo?
D.A.: Sempre comezo con moitos bosquexos a lapis, porque creo que as ideas saen de xeito máis natural. As primeiras que tiven non se parecían en nada a este cartel. Pero pouco a pouco, inspirándome en fotografías, outros carteis e artistas, fun dándolle forma ata chegar á composición final.
S.C.: Vives o Entroido con intensidade!
D.A.: Eu diría que si (debuxa un gran sorriso na súa faciana).
S.C.: Este cartaz está feito con sentimento?
D.A.: Sen dúbida. A maioría dos meus debuxos están relacionados co Entroido, e sempre hai unha parte emocional moi forte neles. Para min, un personaxe non é alguén disfrazado, senón un ser en si mesmo, cunha forma de actuar propia. Por iso busco representar o movemento, a enerxía, a esencia.
S.C.: É a primeira vez que te presentas ao concurso?
D.A.: Non, en Viana xa me presentara outras veces. Creo que esta foi a terceira. O ano pasado quedei segundo, e parte do deseño que fixen daquela aparece na camiseta que levo hoxe posta. Ademais, hai uns días atopei no trasteiro un cartel que fixera no 2007. Nin me acordaba! Tiña nove anos nese momento.
S.C.: Parece que levas isto no sangue, que o mamaches desde pequeno.
D.A.: Sen dúbida! De feito, o ano pasado vestinme por primeira vez de Boteiro e vivino dunha forma totalmente distinta.
S.C.: Como se ve o Entroido dende unha máscara de Boteiro?
D.A.: Ver vese mal! (risas)
S.C.: Entón, como se sinte?
D.A.: É unha sensación incríbel. A careta pesa bastante e vas correndo todo o tempo, pero nunca te cansas. Entrégaste ao papel de Boteiro, moves á xente para deixar paso ao folión e espantas os malos espíritos, como se dicía antigamente. É como entrar noutro mundo.
S.C.: Ademais, estás no folión. Que tocas?
D.A.: A caixa. Desde pequeno toquei o tambor nunha banda de gaitas en Viana e sigo tocando o tamboril no grupo "Os Tómalle outra". Encántame a percusión en xeral, e a veces intercambiamos instrumentos: eu deixo a caixa e collo a aixada ou o bombo.
S.C.: David, moitísimas grazas por atendernos. Agora comeza o Entroido oficialmente!
D.A.: Si! A presentación do cartaz é o "pistoletazo" de saída. Agora, todo para adiante!
S.C.: Grazas e feliz Entroido!