O BNG de Viana solicita un pleno extraordinario para desbloquear a licitación do Servizo de Axuda no Fogar
O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario no Concello de Viana do Bolo co obxectivo de abordar a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e forzar a súa licitación inmediata. A formación nacionalista denuncia a «parálise do goberno municipal» e presenta unha proposta concreta para «dar unha solución a este grave problema».
Segundo lembra o BNG, o SAF atópase en situación de precariedade dende o ano 2022. A empresa que presta o servizo segue operando sen contrato, despois de que rematara a prórroga dun contrato inicial adxudicado en 2018, cando o BNG estaba no goberno. Ese contrato foi prorrogado ata 2022.
Apoio ás traballadoras e folga
A situación de inestabilidade contractual repercutiu nas condicións laborais das traballadoras do SAF, xerando malestar, mobilizacións e mesmo unha folga. «Dende o BNG sempre apoiamos as súas xustas reivindicacións tanto socialmente como no pleno do concello», afirman. Neste sentido, lembran que «no pleno celebrado o pasado 20 de marzo aprobouse, a instancias do BNG, a proposta dos traballadores para sacar a licitación este servizo tan necesario para a veciñanza de Viana».
Con todo, denuncian que o alcalde «sempre estivo poñendo trabas para que este servizo tan necesario se concretara e saíra a licitación». Un bloqueo que, segundo o BNG, afecta tanto aos usuarios coma á empresa e ao propio persoal, xa que impide contar cun marco legal e contractual estable.
Proposta técnica e legal do BNG
Fronte a esta situación, o BNG presenta unha proposta «clara e ben definida» para financiar e licitar o servizo, baseada nos datos aportados polo propio Concello. «Para que esta proposta teña todos os marchamos legais solicitamos que a Secretaría-Intervención emita os informes pertinentes», apuntan.
O obxectivo final é «rematar sacando a licitación o contrato dunha forma inmediata» e poñer fin a unha situación que cualifican de insostible. «É unha necesidade urxente para dar unha seguridade xurídica á empresa que preste o servizo, aos traballadores e ás persoas usuarias», conclúen.
Montesinos responde: “Sen orzamentos non hai licitación posible”
O alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, confirmou que se convocará un pleno extraordinario, como pide o BNG, para explicar a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), pero rexeitou con firmeza as críticas da formación nacionalista.
Segundo o rexedor, «é falso que non se iniciaran os trámites para a licitación», e acusa ao BNG de bloquear os orzamentos municipais, que son —di— imprescindibles para sacar adiante o novo contrato. Montesinos asegura que o goberno local incluíu no proxecto orzamentario unha licitación por valor de 1,79 millóns de euros para dous anos, fronte aos 845.000 euros anuais que propón o BNG, cifra que considera irreal.
O alcalde tamén detallou os ingresos previstos pola Xunta, a Deputación e os usuarios, cuestionando que se chegue aos 413.000 euros que calcula o BNG. Ademais, lembrou que existen débedas pendentes coa empresa prestadora do SAF e que parte dos fondos propostos polo BNG xa están comprometidos para pagar gastos obrigatorios, como a recollida de lixo.
Por todo isto, Montesinos insiste en que a única vía viable é a aprobación dos orzamentos, e pide ao BNG que deixe de «facer contas da leiteira» e colabore para garantir a continuidade dun servizo que, recoñece, «é esencial para os maiores, as traballadoras e todo o pobo».